O Concello pon a disposición da cidadanía a Illa do Covo, rematada a súa restauración ambiental

37

O Concello de Pontevedra dá por concluída a restauración ambiental da Illa do Cobo coa sinatura da acta de recepción dos últimos traballos: a reconstrución da escollera e a canalización da liña de media tensión. Trátase de obras que non estaban incluídas no proxecto inicial porque foron aparecendo ao longo da execución da restauración. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Parques e Xardíns, Anxos Riveiro xunto aos técnicos municipais e os responsables da empresa Elsamex, adxudicataria da reforma, visitaron a Illa do Cobo, e os últimos traballos como a eliminación do recheo no que se atopa a liña de media tensión, espazo de anegación que se recuperou como xunqueira.

O alcalde destacou que a restauración ambiental da Illa do Cobo foi “un proxecto ambicioso, necesario, completo e complexo que incorpora un espazo natural que está a cinco minutos da cidade”. Fernández Lores destacou traballos como a incorporación de arbolado autóctono, reposición das pontes de madeira, restauración da pasarela peonil que une a Illa coa avenida de Bos Aires, nova iluminación, mobiliario urbano, parque infantil, unha escollera singular que frea a erosión da illa… Un proxecto que se achegou aos 1,6 millóns de euros, “investimento xustificado que dende hoxe está a disposición da cidadanía”, concluíu Lores.

O alcalde destacou especialmente “o proceso de dignificación dos grupos escultóricos da Illa do Cobo, que supuxo unha colaboración directa e estreita cos autores para que as súas obras estean perfectamente expostas e poidan ser admiradas en perfectas condicións pola xente que se achega a coñecelas”.

Fernández Lores agradeceu os esforzos e o traballo dos técnicos do Concello e da empresa Elsamex, encargada da restauración “que tratou o proxecto con moito cariño, como se fose dela propio”.

“Eu vexo todo isto enmarcado nunha decisión que tomou o goberno municipal dende hai tempo: que Pontevedra viva de cara ao río, que foi a orixe da cidade. Comezamos co saneamento e acabamos con este tipo de proxectos de recuperación dos bordes fluviais, facendo no caso da Illa do Cobo, un parque urbano que é un orgullo para os pontevedreses”, explicaba Fernández Lores quen convidou a todos os veciños do municipio a “coñecer e gozar deste espazo natural privilexiado que temos aquí ao lado”.