Antón Louro estuda introducir a tramitación telemática na nova ordenanza de Inspección Técnica de Edificacións

41

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, presidiu hoxe unha xuntanza con todos os técnicos dos servizos urbanísticos municipais, a directiva da Delegación do Colexio de Arquitectos e un grupo de expertos informáticos que están a traballar nunha plataforma web para a tramitación telemática dos expedientes de Inspección Técnica de Edificacións (ITE).
Louro, que impulsa a aprobación da ordenanza de inspección de edificios en Pontevedra, destacou a oportunidade de dotar ao Concello dunha ferramenta que permita simplificar e axilizar os trámites para evitar o colapso administrativo que se ten producido noutras cidades galegas. Nalgunha delas acumulouse un atraso de ata catro anos na tramitación dos expedientes das primeiras inspeccións.
Quedou de manifesto que Pontevedra, como cidade histórica e na que tamén boa parte dos edificios da súa parte moderna son anteriores aos anos 60, debe anticiparse a este posible colapso. O número de inmobles que deberán pasar a inspección no primeiro ano da ordenanza pode ser elevado. Mesmo barállase que a tramitación telemática dos expedientes quede prevista no texto da propia ordenanza.
A plataforma web permite, ademais da estandarización de todo tipo de formularios, un intercambio inmediato da documentación entre concellos e colexios profesionais. Isto tradúcese nunha inmediata redución da carga administrativa, aliviando a laboriosa tarefa de introdución e rexistro de datos.
Antón Louro destacou que a da ITE é unha normativa moi necesaria porque axudará a garantir a seguridade do parque inmobiliario de Pontevedra e a evitar todo tipo de sucesos e incidentes desgraciados. Canto mellor funcione a ordenanza, destacou, menos risco haberá de accidentes que ninguén desexa.
Os servizos municipais están rematando a redacción e tomando as principais decisións normativas. A principal será a “idade” dos edificios que deben pasar a primeira revisión. Neste eido, Louro decántase por cinguirse ao máximo legal, que é de 50 anos, descartando reducir o prazo, como se ten feito noutros municipios. En canto ás revisións sucesivas, barállase un prazo que podería estar sobre os 15 anos. Finalmente, estanse a tomar decisións sobre a documentación que comprenderá o expediente e o réxime sancionador para os infractores.
Antón Louro destacou que a ordenanza das ITE debe ser efectiva ou, en caso contrario, non tería sentido aprobala. Debe ser un paso máis, engadiu, para ir creando unha cultura popular da conservación e a seguridade que, a medio prazo, suporá un beneficio tanto para os propietarios dos inmobles como para toda a cidade.