Pontevedra prepara o IV Club de Debate

37

O Concello de Pontevedra ten aberta a inscrición para todos os centros de ensinanza secundaria que queran participar na IV edición do Club de Debate pensado para rapaces de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacherelato.  Como o pasado ano, o gañador da edición de 2013 poderá participar na fase galega que este ano celebrarase no Concello de Santiago de Compostela.

Aínda por concretar as datas, a Concellaría de Normalización Lingüística baralla celebrar antes das vacacións de Nadal a xornada de formación para os equipos que se inscriban. E as fases eliminatoria e final desenvolverase entre finais de xaneiro e primeiros de febreiro.

O equipo gañador do Club de Debate de Pontevedra poderá participar na fase galega do Club de Debate, que se organizou o pasado ano por vez primeira e que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta segunda edición celebrarase en Santiago de Compostela.

O primeiro contacto organizativo desta fase galega foi onte  no Pazo da Peregrina, no Concello de Ames. Á reunión asistiron os concellos de Ames, Santiago de Compostela, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois, Vigo e A Baña, para avaliar o desenvolvemento do Club de Debate durante o curso pasado e para organizar unha nova edición desta actividade.

Na reunión valorouse as bases do concurso, a temática elixida, o calendario da Liga de debate e a final que se celebrou na cidade de Pontevedra. Todos os concellos participantes valoraron de xeito moi positivo o desenvolvemento da edición anterior desta iniciativae acordaron darlle continuidade e intentar ampliar a participación en vindeiras edicións.

Na segunda parte da reunión abordouse a organización do Club de Debate durante o curso 2012-2013. Acordouse establecer de prazo ata o 25 de outubro para que os concellos interesados poidan sumarse a esta iniciativa. O Club de Debate estará dividido en dúas fases: comarcal e final. As fases comarcais terán que realizarse antes do 8 de abril de 2012. Mentres que a final desta edición desenvolverase no Concello de Santiago a principios do mes de maio.

Ademais, todos aqueles concellos que o consideren oportuno poderán facer unha fase local para determinar os equipos de rapaces e rapazas que asistirán á fase comarcal.

Previamente, abrirase un prazo de inscrición para que os centros de ensino dos concellos adheridos a esta iniciativa se poidan inscribir. A través do Club de Debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.

O Club de Debate é unha Liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria que contará con fases local, comarcal e galega. A través do Club do debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.

Durante a pasada edición os Concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo incorporáronse a este programa mediante a sinatura dun protocolo de colaboración con outros concellos como As Pontes, Ferrol, Pontevedra e Vigo.