Aberto ata o próximo 27 de outubro o prazo para acceder ás subvencións da Concellería de Deportes

69

Os interesados en consultar as bases da convocatoria anual das tres liñas de subvencións da Concellería de Deportes para este ano xa poden facelo no número do pasado 27 de setembro no Boletín Oficial da Provincia. As bases tamén están dispoñibles no blogue do Instituto Municipal de Deportes https://imdpontevedra.blogspot.com.es/.
O prazo de presentación das solicitudes remata o próximo 27 de outubro.
As subvencións financian a actividade dos clubs deportivos da cidade durante este ano 2012. O importe total chega aos 479.100 euros.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou que as bases e os importes das partidas foron aprobadas por unanimidade dos grupos políticos da Corporación de Pontevedra. Engade que a transparencia nos criterios de reparto é total e absoluta e iso é compartido non só polos partidos políticos, senón por todos os clubs da cidade.
Fernández destaca tamén o esforzo orzamentario que fai a Concellería de Deportes, a pesar da crise económica, para manter as cantidades en cifras dignas. Anticipa que tentará continuar nesta liña no próximo exercizo económico.
As subvencións quedaron organizadas en só tres liñas, en lugar das catro que había ata o de agora, no marco da simplificación ordenada polo concelleiro. Así quedan convocadas para: Organización de actividades, Escolas deportivas e Participación en competicións.
A primeira das liñas de subvencións cobre a organización de actividades deportivas. O importe sobe ata os 61.500 euros, un 2,4% máis que o repartido o ano anterior (60.000 euros).
A segunda, refírese ao funcionamento das escolas deportivas municipais. O importe pasa dos 111.270 euros repartidos o ano anterior a 126.600 euros reservados neste. O número de prazas que acaban de seren convocadas (o prazo de solicitudes aínda está aberto) sobe das 1.669 do exercizo anterior ás 1.800 prazas.
Finalmente, as subvencións para a participación en competicións oficiais baixan un 3% ao pasaren dos 300.000 euros aos 291.000 euros. Trátase, subliña o concelleiro de Deportes, dun recorte moi pequeno e, en todo caso, substancialmente inferior ao que están aplicando outras Administracións públicas.