Chega a Pontevedra o Congreso Acelerador do Crecemento Persoal “Ponte a Punto”

40

Pontevedra estrea evento. Cun formato centrado na motivación e o adestramento cara ao éxito persoal e profesional chega a primeira edición do Congreso Acelerador do Crecemento Persoal “Ponte a punto”. Durante  o venres, 16 e sábado, 17 de novembro, as persoas interesadas poderán asistir a relatorios nos que nos invitan a tirar partido do  cerebro, a distinguir entre o importante e o urxente ou a comportármonos na vida como orixinais e non como fotocopias.
O Congreso chega a Pontevedra da man de José Luis Bouzas, xerente da empresa Docensa, despois dos contactos mantidos coa concelleira de Turismo Carlota Román. A Fórmula 1 actúa a xeito de guion para os asistentes. A parada dun bólido de Ferrari en boxes actúa como metáfora do que se pretende acadar con este congreso: un momento breve nas nosas vidas para poñernos a punto e retomar os retos con máis enerxías.

A acto de presentación, celebrado hoxe na Casa da Luz, asistiron tamén dous dos ponentes: Juan José Romero Crusat e Roberto Pérez Marijuán.

A pesar de que os emprendedores e directivos de empresa adoitan ser os máis interesados neste tipo de eventos, o Congreso está aberto a todo tipo de público.

Os prezos van dos 95 euros para os colectivos aos 155 euros do prezo xenérico. Os parados e estudantes pagarán 125 euros. Máis información sobre inscricións en www.ponteapunto.es.

Román subliñou que o impacto da noticia da creación da Oficina de Congresos de Pontevedra superou as fronteiras de Galicia e está a significar que varias empresas organizadoras e colectivos profesionais se teñan posto en contacto con este departamento para coñecer en detalle as posibilidades da cidade para acoller eventos. A nova da creación da Oficina de Congresos tivo repercusión nacional en medios especializados como Hosteltur, Expón, Conexo ou Evento Plus. Os resultados comezan a chegar.
O congreso da motivación e o crecemento persoal “Ponte a a Punto” conta co atractivo da presenza de Emilio Duró (experto formador en motivación e actitude). A Duró súmanse outros relatores como Roberto Pérez Marijuán, habitual en congresos e conferencias sobre habilidade, e Eduardo Sánchez, representante para España e Latinoamérica do fenómeno editorial “O segredo”.

Durante a rolda de prensa, tanto Juan José Romero como Roberto Pérez anticiparon algunha das liñas das presentacións que están a preparar e que cobran plena actualidade no marco da crise económica que estamos a travesar. A necesidade de ser activos, de non permanecer parados laiándonos da falta de oportunidades, está na base do que defenderán durante as súas intervencións. Acabouse ir pedir traballo a unha empresa, agora hai que ir a ofrecer un valor, e todos e cada un de nós deberemos aprender cales son os nosos puntos fortes e que podemos ofrecer para ser competitivos no mercado laboral, dixeron.

Na reunión previa á presentación do congreso, a edil socialista agradeceu a aposta pola cidade como sede deste importante evento. Un dos aspectos máis importantes á hora de promocionar a cidade como sede de congresos é apoiar e axudar aos profesionais para atraelos cara a Pontevedra. Unha das súas funcións da nova Oficina de Congresos está precisamente en axudar a presentar candidaturas de sede en colaboración con todo tipo de axentes, sexan empresas organizadoras, colexios profesionais… Outra liña pasa por axudar en todos os aspectos técnicos que un evento deste tipo leva, desde reserva de hoteis, a xestión de espazos, pasando pola loxística de transporte, comunicación ou a montaxe.
Carlota Román lembrou que a pasada semana xa tivo ocasión de presentar, xunto a Víctor Arufe, o congreso sobre Deporte, Alimentación e Saúde “Sportis”, que en 2013 terá como sede a cidade do Lérez.
A concelleira concluíu que poñer en marcha un Plan Estratéxico para a captación do turismo de negocios (MICE) debe ser un traballo serio e continuado, por enriba das anécdotas puntuais. Para elo, lembrou, asistiu á reunión mantida con outros concelleiros de Turismo e alcaldes de toda España con motivo da reunión da asemblea anual do Spain Convention Bureau de Zamora hai dúas semanas.