Bará e Comesaña constatan a importante restauración veciñal dos muíños do Pousadoiro

40

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará e a concelleira delegada da parroquia de Campañó, Pilar Comesaña visitaron onte pola tarde os traballos de recuperación dos muíños do Pousadoiro. Este proxecto segue a liña de recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico do rural pontevedrés impulsada polo Goberno local, que xa está acompañada doutras actuacións similares en Salcedo, Lérez…

Luís Bará e Pilar Comesaña destacaron a fundamental implicación dos colectivos veciñais na recuperación do patrimonio das parroquias, coas axudas pertinentes das institucións. No caso dos muíños do Pousadoiro, o Concello colaborou na roza e posta en valor deste entorno coa retirada de especies invasoras (eucaliptos e acacias) pero respectando toda a vexetación autóctona da zona: salgueiros, carballos, amieiros…

Por parte dos veciños, corre a restauración dos distintos muíños da zona coa idea de convertilos un dos reclamos da parroquia, e punto de referente do patrimonio cultural e arquitectónico do Concello. Completarase con rutas e outras actividades de dinamización deste espazo, como xa se está a facer noutras parroquias.