Antón Louro e Carlota Román garanten o apoio ao calendario feiral da Cámara de Comercio

68

O tenente de alcalde, Antón Louro, e a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, garantiron hoxe ao presidente da Cámara de Comercio, Antonio Gómez Rivera, o apoio do Concello ao financiamento dos eventos que restan durante este ano no calendario feiral desta institución.
Carlota Román, responsable das competencias en esta materia, lembrou que xa en xaneiro comprometeuse á sinatura dun convenio anual de 105.000 euros. Agora a Cámara ten á súa disposición os 45.000 euros aínda existentes na partida da Concellería de Promoción Económica, para subvencionar a celebración de Ferpalia e Pomóvil. Os 60.000 euros restantes foron deducidos unha vez que non chegaron a celebrarse as dúas pasarelas Pontus Veteris previstas para este ano.
Antonio Gómez Rivera, que onte tamén mantivo unha xuntanza coa alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo que, a pesar do recente anuncio de que a Bolsa de Contratación que se vén celebrando durante os últimos 20 anos no seo de Ferpalia vaise separar e celebrar co patrocinio doutra institución, están traballando xa na organización da feira do turismo. O programa está pechándose, pero anticipou que será unha feira “popular, atractiva e que chegará ao sector turístico para potenciar Pontevedra e a súa bisbarra”.
O presidente da Cámara xustificou na redución de ingresos das cámaras (nun 70% dende a supresión da cota obrigatoria) as dificultades para sacar adiante o calendario feiral. Dende o mes de xaneiro, engadiu, a Cámara está a facer xestións para coñecer o financiamento dispoñible en todas as institucións. O Concello deu resposta positiva, pero non así as demais.
Rivera, preguntado insistentemente polos informadores, explicou a  secuencia de acontecementos que teñen derivado na situación actual, con Ferpalia ao borde da desaparición e a súa Bolsa de Contratación separada noutras datas e localización: “Agora sabemos que a Bolsa de Contratación organízase por outra institución. Iso terao que explicar a Deputación. Eles tiveron relación con nós e a resposta que agora obtivemos é que non tiñan fondos para Ferpalia. Se non se apoian os eventos da Cámara é por razóns que eu non coñezo. O resultado final, a realidade, é que só temos apoio do Concello de Pontevedra. Os feitos están aí. Os que non teñan apoiado os eventos da Cámara terán que explicar as súas razóns. Eu non as coñezo”.