O Pavillón Municipal dos Deportes estrea illamento térmico

69

As obras de illamento térmico do Pavillón dos Deportes acabaron coas correntes de aire na instalación municipal. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, comprobou hoxe os resultados dun traballo que consistiu na colocación duns 1.800 metros cadrados de paneis interiores e novas ventás destinados a mellorar as condicións de confort térmico.
Fernández recorreu o perímetro do pavillón e comprobou o acabado estético da solución elixida, que opta pola discreción para non rivalizar co deseño arquitectónico de Alejandro de la Sota. O orzamento da actuación ascendeu a 143.000 euros.
Quedaron solucionados algúns problemas derivados do desgaste nas xuntas das fachadas do edificio, en servizo dende o ano 1968, e que impedían que a calefacción por aire, instalada hai unha década funcionara a pleno rendemento. Constatouse a existencia de fendas de entre dous e tres centímetros entre as pezas prefabricadas coas que está construída a fachada.
A Concellería de Deportes instalou as placas illantes sobre estrutura metálica autoportante. O acabado final fíxose coa cobertura con outra capa de cor neutra. As obras incluíron tamén a substitución das ventás da fachada principal, moi deterioradas polo paso do tempo, por modernas pezas con cristais illantes.
As obras foron realizadas durante o verán para facelas coincidir co parón das competicións deportivas e evitar molestias para clubs e espectadores.