Antón Louro e a nova directiva da Zona Monumental destacan o avance que supón a aprobación da ARI

72

A nova directiva do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, que preside Miguel Lago, expresou hoxe ao tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Obra Pública e Vivenda, Antón Louro, a súa felicitación por ter acadado a aprobación da declaración do Centro Histórico como Área de Rehabilitación Integral (ARI).
Louro detallou o longo procedemento, iniciado hai máis dun ano, que concluíu co recente anuncio de aprobación por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Subliñou que a Concellería de Urbanismo pontevedresa presentou unha completa documentación, na que se incluíron estudos socioeconómicos e arquitectónicos, o que permitiu chegar a este punto.
Lago dixo que a ARI era unha demanda histórica da asociación comercial e tamén do Concello que, por fin, se ten conseguido. Na súa opinión, é mágoa que unha parte dos edificios existentes no recinto histórico pontevedrés estean en malas condicións e mesmo deshabitados.
A ARI primará as obras en edificios, especialmente as de conservación de elementos comúns. Non obstante, apostará tamén por financiar rehabilitacións integrais dos inmobles en peor estado e, por suposto, a rehabilitación de vivendas individuais.
A memoria-programa que vén de seren aprobada prevé a rehabilitación dun máximo de 1.528 vivendas ao longo dos próximos anos. A axuda media por vivenda chegará aos 11.600 euros.
O documento anticipa un escenario idóneo, no que os propietarios rehabilitarían a totalidade do parque edificatorio do Centro Histórico. De seren así alcanzaríase un orzamento total de 126 millóns de euros, dos que a Área de Rehabilitación subvencionaría con fondos públicos máis de 20 millóns de euros.
Antón Louro confía en que da próxima sinatura dos convenios de financiamento entre a Consellería e o Ministerio de Fomento xurdan os recursos económicos necesarios para que a ARI bote a andar o próximo ano 2013 e non sexa necesario agardar a 2014. A vivenda é unha política central, e aínda máis dada a forte crise que está a atravesar o sector da construción, afirmou.
Durante a xuntanza, Lago expresou a súa preocupación polo estado ruinoso de algúns edificios, situados en puntos moi visibles do Centro Histórico. Louro admitiu que están a dar unha mala imaxe e mesmo poden chegar a representar problemas de seguridade, polo que se mostrou partidario de aplicar as ferramentas legais existentes para forzar o seu acondicionamento.
Finalmente, o presidente da organización comercial e o tenente de alcalde amosaron o seu acordo sobre a posibilidade de acondicionar e reservar para os peóns o último tramo da rúa de Benito Corbal, dado que actuaría como unha continuidade comercial coa Zona Monumental.