Participación na organización de Noites Abertas 2013

39

Prazo de presentación: ata o 19 de outubro de 2012

Lugar de presentación: Oficina de Xuventude do Concello de Pontevedra

 

Que tedes que saber do programa Noites Abertas?

 

Noites Abertas é un programa de lecer alternativo nocturno das noites dos venres e sábados do primeiro semestre de cada ano en Pontevedra, que puxo en marcha o Concello de Pontevedra no ano 1999 e que vai pola súa XIV edición. Está cofinanciado polo Plan Nacional sobre Drogas, do Ministerio de Sanidad, que na última edición achegou o 69% do seu financiamento, o resto provén de orzamento municipal da Concellaría de Xuventude.

 

Trátase dunha oferta gratuíta de lecer con actividades construtivas, divertidas e interactivas, onde a mocidade pode participar achegándose tanto en grupo como individualmente e baseada na comunicación e o intercambio cultural entre mozos/as de diferentes idades, gustos, intereses e necesidades. Desenvolve as súas actividades en diferentes espazos da cidade e durante os meses meses febreiro, marzo, abril e maio. Aínda que este ano tentaremos adiantar o seu inicio e comezar en xaneiro.

 

· Destinatarios: o programa vai dirixido á poboación nova entre os 12 e 30 anos, que se atopa en Pontevedra durante a fin de semana. Pero vós en cada actividade podedes especificar o intervalo de idade concreto ao que vai dirixida (ata 18 anos, maiores de 18, maiores de 16…), se non o facedes, entenderase que se dirixe a todo o rango de idades de Noites Abertas.

 

· Calendario e horario: venres e sábados dende o 18 de XANEIRO ata o 11 de MAIO de 2013, pechando algúns festivos por Entroido e Semana Santa. O horario oscila entre as 20 e a 00h. da noite dependendo da xornada. Cada actividade proposta especificará o seu horario concreto dentro deste marco xeral de 20 a 00h, así como a duración que considera máis adecuada para a sesión, tendo en conta o perfil de destinatarios aos que vaia orientada. Algunhas das actividades poden ter lugar en horario diurno os sábados pola mañá, sempre e cando sexa imposible realizalas de noite (por exemplo a excursión de skate ou algúns festivais).

 

· Que requisitos teñen que cumprir as vosas propostas de actividades?

As vosas propostas poderán ser actividades de carácter socioeducativo (educación para a saúde, a igualdade, ambiental… ), socioculturais (promoción da cultura galega, interculturalidade, arte, música, teatro, cociña, xogos,…) ou físico-deportivas, sempre cun carácter integrador, non sexista, innovador, participativo e divertido, favorecendo as relacións interpersoais e o traballo en grupo.

O primeiro requisito que ten que ter a proposta é ser de interese para a xente nova e lúdica, xa que non podemos esquecer que o marco do programa é a noite e a fin de semana. O nivel de especialización nas materias tratadas será sempre o de iniciación ou achegamento, para facilitar así a súa práctica fóra de Noites Abertas en clubes, asociacións ou empresas da nosa cidade. Só nalgúns casos específicos e xustificadamente se potenciarán actividades de perfeccionamento, pero non será a norma.

A vosa actividade terá que contemplar sesións independentes que non esixan ter participado na sesión anterior, xa que debedes ter en conta que a xente pode repetir ou ser diferente cada día.

Todas as propostas teñen que vir acompañadas do currículum de monitores e monitoras que impartirán as actividades (se non o entregastes nas edicións anteriores, ou se queredes completalo), este ha de recoller o perfil formativo ou experiencia adaptada á actividade que desexa impartir. Ademais deberán demostrar en todo momento a súa integración na filosofía de NOITES ABERTAS e ser coherente co programa e cos seus obxectivos (profesionalidade). De ser admitida a proposta, o monitorado deberá acudir obrigatoriamente ás reunións de avaliación inicial e final, así como ás accións formativas que se lle ofrezan a todo o persoal, requisito indispensable para a coordinación do programa e que mellora o noso traballo en equipo e reforza o programa.

 

· Obxectivos de Noites Abertas:

– Proporcionar á mocidade unha alternativa de ocio de fin de semana que propicie espazos lúdico-educativos e de encontro, que permitan promover pautas de ocio saudable.

– Favorecer a participación activa da mocidade no deseño e organización de actividades, de xeito que non sexan simples destinatarios e pasen a ser protagonistas do seu propio lecer.

– Aplicar o principio de igualdade de oportunidades introducindo criterios de transversalidade e a perspectiva de xénero dende o ocio e o tempo libre.

 

· Lugar e data de presentación de propostas:

A Coordinación de Noites Abertas está á vosa disposición para orientarvos e axudarvos na elaboración de propostas. Podedes consultar dúbidas concertando cita coa coordinadora Mirian Viñas, na Oficina de Xuventude ou chamando ao 986 840367 en horario de 9 a 15h. Tamén podedes facelo a través do seu e-mail mvinas@pontevedra.eu

 

Descarga o modelo de proposta clicando no documento adxunto:

Ver documento PDF