New Orleans Gospel Chorale

69

Lugar: Centro Social Novacaixagalicia

Hora: 20:30 h.

Entradas: á venda en www.servinova.es e no 902 504 500

As grandes voces do góspel reúnense nesta xenuína agrupación norteamericana. Os Espirituais Negros son unha forma musical específica dos Estados Unidos. Son o produto da interacción da música e a relixión de África coa música e a relixión de orixe europea. Esta forma tivo a súa orixe na escravitude negra nos Estados Unidos, unha institución central na vida económica e social americana durante os séculos XVIII e XIX.

Os himnos e cancións da tradición cristiá metodista tiveron unha enorme influencia na formación do Espiritual Negro. Os escravos compositores aproveitaban material dos vellos libros de himnos e da Biblia para crear algo culturalmente novo. Os Espirituais non son simplemente versións dun material máis antigo senón a reordenación creativa dese material: novas melodías, textos sutilmente cambiados e, especialmente, profundas diferenzas de estilo na interpretación.

Os compoñentes de New Orleans Gospel Chorale, antigos compoñentes do prestixioso grupo vocal de Nova Orleans Moses Hogan Singers, cuxo debut en EMI en 1998 acompañando á gran soprano Barbara Hendricks quedou na memoria de centenares de miles de afeccionados como un dos momentos inesquecibles do xénero, presentarán ao público europeo o mellor desa tradición no seu programa de Nadal: The Art of Negro Spiritual.