Todo listo para o Medio Maratón Pontevedra Serviocio do próximo día 21

62

O Medio Maratón Pontevedra Serviocio 2012, que se celebrará o próximo día 21, superou xa a cifra de 1.112 inscritos. A cifra demostra a boa acollida desta proba, que constitúe un dos eventos máis relevantes do calendario deportivo anual na cidade.
A presentación oficial celebrouse hoxe na piscina de Campolongo. Contou coa presencia do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Sociedade Ximnástica, Ramón Touza, e o representante de Serviocio, principal patrocinador da proba, Roberto Cancelas.
Ademais de varios centos de corredores afeccionados, son moitos os deportistas de elite qeu xa teñen completado a súa inscrición. Entre eles Gustavo Nieves, cuarto clasificado nos recentes Xogos Paralímpicos na modalidade de 5.000 metros lisos; Elías Domínguez, Rafael Fuentes, Ihssa Lehili e José Antonio Ramallo. Entre as mulleres estarán Fátima Pérez, Esther Pedrosa e a marchadora Eva Iglesias.
Agustín Fernández destacou que o Medio Maratón é xa un clásico en Pontevedra. Destacou que encaixa perfectamente na programación deportiva do Concello, baseada, por un lado, na atracción de grandes eventos que supoñan repercusión socioeconómica, e, polo outro, na promoción do deporte popular e o deporte base.
Ramón Touza amosou a súa satisfacción pola marcha das inscricións e anticipou que non se quere pasar de1.500 participantes, porque a carreira sería difícil de manexar. Explicou que a coincidencia coa xornada electoral obriga a facer algúns cambios, como o traslado da Secretaría ao Pavillón Universitario.
Roberto Cancelas explicou que a súa empresa está a impulsar un plan de actividades fóra das instalacións que xestionan, o que abre as portas a este tipo de patrocinios. Amosou a súa satisfacción por poder colaborar na proba pontevedresa.
Outra das novidades deste ano é o adianto da liña de saída en 67 metros a causa da construción da nova rotonda na rúa de Xosé Malvar. Esta distancia recuperarase ao paso polo campus universitario.

Guías para corredores


Unha das grandes novidades da edición 2012 é a inclusión de atletas que farán a función de corredores-guía para garantir marcas e aconsellar durante o transcurso da proba. O obxectivo é facer o Medio Maratón cada vez máis participativo. Todos eles serán atletas da Ximnástica, que estarán diferenciados por un dorsal diferenciado e un soporte indicativo do tempo de paso por Km. Haberá catro guías para os corredores que pretendan completar o percorrido a 4 minutos/Km, 4,15 minutos, 4,30 e 5 minutos por Km.
A organización facilitará, previa reserva e pago, un autobús aos deportistas que se despracen dende A Coruña e Santiago. No mesmo transporte recibirán a documentación e o dorsal.
Tamén dispuxéronse tres hoteis oficiais con descontos para o aloxamento e o almorzo do día 21.
Finalmente, por xentileza de Serviocio, vaise sortear unha inscrición, con todos os gastos cubertos, para participar, ben na próxima Maratón de Madrid, ben na de Barcelona.