Agustín Fernández insta aos colectivos de Salcedo a esixir á Deputación que constrúa o campo de fútbol prometido

63

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, mantivo hoxe unha xuntanza cos representantes do tecido asociativo da parroquia de Salcedo para falar da promesa electoral da Deputación de Pontevedra, realizada en 2011, para construír un campo de fútbol nesta parroquia.
Na xuntanza participaron a Sociedade Cultural Deportiva Salcedo, a comunidade de montes e as asociacións de veciños Heroes do Campo da Porta e Cabanas-Salcedo.
O responsable municipal amosouse disposto a sentar co presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, para falar dunha posible colaboración municipal no que atinxe á dotación de servizos e á urbanización do entorno desa hipotética instalación deportiva.
Fernández deixou moi claro que o importe do investimento municipal debe ser razoable e lembrou que atravesamos unha forte crise económica, na que as prioridades no gasto municipal están dirixidas á atención das capas sociais máis necesitadas.
O concelleiro repartiu a todos os participantes na xuntanza copia do protocolo asinado por Rafael Louzán e o presidente da Sociedade Cultural e Deportiva Salcedo o 25 de marzo de 2011, é dicir, durante a campaña das últimas eleccións municipais.
Nese protocolo, a Deputación quedou comprometida a tramitar a reversión dunha finca de 16.847 metros cadrados que no seu día cedeu á Misión Biolóxica; a redactar o proxecto construtivo do campo, que incluiría unha grada para 300 persoas, e a licitar e adxudicar as obras. A Cultural de Salcedo quedaba comprometida, pola súa banda, a “axudar na tramitación das licenzas”, ao mantemento das instalacións e a dar publicidade da subvención da Deputación. O importe das obras foi estimado neste documento en 1.100.000 euros. O protocolo caduca o 31 de decembro de 2013.
Agustín Fernández destacou que o Concello tan só recibiu unha solicitude de información urbanística sobre a viabilidade dos terreos. A Comisión de Urbanismo ditaminou que son aptos para o fin pretendido.
O concelleiro asegurou que a licenza será tramitada con rigor e axilidade, pero, lamentou, ata o de agora non se ten solicitado.