Boa acollida do sector privado á idea de poñer en marcha unha Oficina de Congresos

63

Un manual recollerá toda a información necesaria para celebrar un evento congresual, feiral ou de negocios en Pontevedra. O obxectivo da publicación será poñer as cousas o máis fácil posible para atraer todo tipo de xuntanzas profesionais á cidade.
O Concello quere converterse nun axente facilitador para captar turismo de negocios. En palabras da concelleira de Turismo, Carlota Román, pretendemos eliminar toda a tarefa tediosa que supón organizar todos e cada un dos detalles dun evento e darlle todo o traballo feito a calquera colexio profesional, organización ou empresa interesada en vir a Pontevedra.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, destacou que Pontevedra debe e pode aspirar a ser competitiva neste nicho turístico, que pode reportar un importante retorno económico.
Unha xuntanza celebrada hoxe na Casa da Luz sentou as bases para a colaboración público-privada que dará pé a Oficina de Congresos, unha novidade que xa está comezando a funcionar no seo da empresa municipal Turismo de Pontevedra. Asistiron empresarios da hotelería, hostalería, restauración, “cattering”, organización de eventos, unha representante de Novagalicia banco e a xerencia do Pazo da Cultura.
Os asistentes recibirán nos próximos días uns formularios para detallar todas as instalacións e servizos cos que contan. A partir de aí comezarase a traballar na elaboración dun manual, no que calquera empresa ou organización interesada en celebrar un evento en Pontevedra obterá toda a información necesaria sobre instalacións (dende os salóns de hoteis aos espazos do Pazo da Cultura), montadores de stands, organizadores de actividades, azafatas/os, guías turísticos, oferta de lecer, restauración e proveedores de todo tipo de servizos adicionais.
Nun futuro próximo todo elo confluirá na elaboración dun catálogo de empresas locais colaboradoras da Oficina de Congresos.
Carlota Román destacou que trátase de coordinar dende dentro para poder facilitar cara fóra. Para elo, insistiu, é vital que o sector privado se involucre e colabore dun xeito profesional e debidamente canalizado. A concelleira destacou que a Oficina de Congresos funcionará e será un éxito se Concello e empresarios locais se involucran. O papel do Concello é promover e o dos empresarios, aproveitar unha oportunidade que vai ser beneficiosa para eles, e beneficiosa tamén para Pontevedra.