Facenda confía en dar 900 altas coa revisión catastral do Concello

95

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana a contratación dunha empresa especializada (por un procedemento negociado) para a actualización do Imposto de Bens Inmobles (IBI) no Concello de Pontevedra, que completará o traballo inicial realizado en dúas parroquias do rural. Até o de agora foron detectados 233 inmóbeis irregulares, xa dados de alta no Catastro e legalizados que suporán ás arcas municipais 200.000 euros este mesmo ano.

O portavoz do Goberno e concelleiro de Facenda, Raimundo González explicou que até o de agora o seu departamento fixera un contrato menor para a actualización catastral nunha pequena parte do concello. Este primeiro contrato permitiu detectar 233 inmóbeis irregulares nas parroquias de Lourizán e Salcedo (xa están notificados no Catastro e dados de alta), e nun primeiro avance nas parroquias de Tomeza e Marcón esta cifra elevouse até os 400.

Con este segundo e definitivo contrato, preténdese dar de alta o resto de inmóbeis (de todo tipo e propiedade) irregulares no concello, que segundo o departamento de Facenda serán sobre 800 ou 900 unidades catastrais.

Até o de agora, os 223 inmóbeis detectados suporán para as arcas municipais uns 200.000 euros, que serán cobrados este mesmo ano. Sobre os 900 que confía en actualizar este estudo poderá supor 800.000 euros máis. O Departamento de Facenda confía en ter rematada esta revisión catastral para detectar ampliacións, melloras ou reformas de unidades ao longo do vindeiro ano.