Ediserpo acondicionará o novo local social da Parda

36

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Ediserpo o proxecto de acondicionamento do novo local social da Parda por valor de 388.000 euros. Trátase de acondicionar un baixo municipal situado entre as rúas San Amaro e Estrada, de 450 metros cadrados que será empregado polo tecido asociativo deste barrio da cidade.

A oferta de Ediserpo ofrece un prazo de execución de 4,5 meses e unha garantía de 5 anos.

O proxecto contempla habilitar as seguintes dependencias:

• Acceso
• Sala multiusos con almacén (99 m2)
• Recepción
• Despacho
• Tres aseos
• Almacén
• Distribuidor
• Dous espazos para xogos infantís con aseo e almacén
• Sala de máquinas
• Salón social (56 m2)
• Sala de estar ou cafetería
• Biblioteca (32 m2)

Este baixo cubrirá todas as necesidades que ten unha asociación en permanente crecemento como a de Manuel Quiroga, así como do resto de entidades do barrio. Cabe lembrar que o Concello cederá o uso do local para os veciños, pero sempre se reservará a propiedade e a posibilidade de realizar calquera actividade neste local.

O Goberno Local aposta por seguir ofrecendo aos veciños espazos de encontro e asociación, especialmente importantes nestes momentos socialmente tan comprometidos. A construción e acondicionamento de espazos veciñais segue sendo unha das liñas de actuación do Goberno municipal, como xa demostrou con outras instalacións municipais de uso veciñal que se puxeron en marcha nos últimos anos en distintos barrios e parroquias, e coas que están pendentes como esta da Parda ou o local social dos veciños do Burgo.