O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinou esta tarde un protocolo de colaboración co presidente da Federación Española de Tenis de Mesa, Miguel Ángel Machado Sobrados para a celebración en Pontevedra dos campionatos de España de todas as categorías (alevín, infantil, xuvenil, sub-21, discapacitados e absoluta masculina e feminina) ademais da Copa do Rei e da Raíña, no ano 2013. A competición á que asistirán máis de 1.000 deportistas celebrarase entre o 23 de febreiro e o 3 de marzo de 2013 no Recinto Feiral.
Na sinatura do protocolo, na que estivo presente o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández e o presidente da Federación galega de tenis de mesa, José Fernández Alborés, o alcalde destacou a importancia deste evento porque "poderemos ver o tenis de mesa do máis alto nivel do Estado, e supón un pulo importante para a dinamización ecónomica da cidade especialmente nunha época de temporada baixa", polo que está garantido o 100% de ocupación durante os dez días que dura o campionato. Por isto, o alcalde agradeceu expresamente a colaboración dos hoteleiros da cidade "poñendo tarifas razonables para que todos poidamos saír beneficiados neste evento".
O presidente da Federación española, Miguel Ángel Machado agradeceu a colaboración do Concello e confiou en que este evento supoña todo un espectáculo para que os cidadáns gocen do mellor tenis de mesa do Estado. Pola súa banda, o presidente da Federación galega destacou a relevante participación dos equipos galegos no tenis de mesa español, sendo a terceira comunidade autónoma en presenza nas máis altas categorías.
O concelleiro Agustín Hernández explicou que a celebración deste tipo de eventos non suporá unha merma nas contías económicas que cada ano perciben os clubes da cidade, "xa que se seguen a manter, e van por partidas separadas". Tamén quixo destacar que este tipo de eventos que organiza o Concello non deixan de ser unha subvención indirecta aos clubes, dado que ao garantir a celebración destes campionatos en Pontevedra os custes de desprazamento, aloxamento e manutención redúcense, de tal xeito que todos deportistas galegos que se clasifiquen para estas competicións poderán xogar en Pontevedra, evitando situacións como as do ano pasado en Almería, onde varios clubes galegos tivero que renunciar a participar (cando menos en todas as categorías, a pesares de estar clasificados) por motivos económicos.