A Concellería de Deportes obtén o premio da Asociación de Xestores Deportivos pola súa programación do ano 2012

65

Pontevedra é un referente deportivo tanto en Galicia como no conxunto de España. Así acaba de recoñecelo a Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) coa concesión do seu premio á Concellería de Deportes polo traballo desenvolvido ao longo deste ano 2012.
O concelleiro, Agustín Fernández, recollerá o galardón na gala que se celebrará o próximo día 26 en Ourense. O recoñecemento valora especialmente “a promoción de eventos deportivos internacionais e estables con obxecto da promoción da cidade e o fomento da práctica deportiva entre a cidadanía”.
O servizo municipal de Deportes obtén o premio “á mellor entidade pública” e foi elixido entre distintas propostas chegadas dende toda Galicia. Os III Premios Galicia á Xestión Deportiva están divididos en nove modalidades diferentes.
Agustín Fernández recibe con gran satisfacción a concesión dun premio que, considera, corresponde tanto á dirección política como a todo o persoal do servizo municipal de Deportes, que vén destacando pola súa profesionalidade e dedicación. En Pontevedra temos a enorme sorte de contar cun grupo de traballadores públicos namorados do deporte, orgullosos do que fan e orgullosos da súa cidade, afirmou.
Fernández subliñou que o Concello de Pontevedra apostou con forza pola organización de eventos deportivos e soubo ver moi pronto o seu potencial, non só no fomento da práctica do deporte (tanto a nivel popular como profesional), senón tamén no retorno socioeconómico que se produce pola dobre vía da ocupación hoteleira e a promoción turística no exterior. Boa proba disto foi o papel pioneiro xogado en 2011 na “recuperación” de Galicia para o recorrido da Volta Ciclista a España, despois de máis de 20 anos de ausencia.
O concelleiro destacou que durante este ano, o Concello organiza ou colabora na organización de máis de 120 actividades deportivas, que cobren boa parte do espectro e se reparten ao longo dos 365 días, sen deixar unha soa fin de semana libre. Comezamos o 2 de febreiro co torneo internacional de tenis junior e rematamos o 31 de decembro coa carreira de San Silvestre máis popular de Galicia.
A programación tivo como pratos fortes o Campionato de España de Marcha en Ruta, a Volta Ciclista a España, o Campionato de España de Triatlón, os campionatos de España de Natación para Mozos e para persoas con discapacidade, así como varias probas de piragüismo de rango nacional. Sen esquecer unha manchea de competicións e exhibicións que van do taekwondo ao balonmán-praia, pasando pola esgrima, o “tumbling” ou o tiro con arco.
A Concellería de Deportes está xa a traballar na programación de 2013, que conta xa con eventos confirmados como o Campionato de España de Duatlón, o Campionato de España-Copa do Rei de Tenis de Mesa e a Volta Ciclista a España. Mentres que, para 2014, está pechado o Campionato do Mundo de Triatlón.
Finalmente, Agustín Fernández destacou que este impulso á organización de eventos deportivos non obsta para que o Concello manteña unha activa política de apoio ao deporte base, que pasa pola subvención á actividade dos clubs, cun importe total próximo aos 500.000 euros,  e polas escolas deportivas municipais, que este ano contarán con case 1.800 alumnos.