A Concellería de Urbanismo emprende unha profunda reforma da normativa municipal

95

A normativa municipal relacionada co Urbanismo vai experimentar unha importante transformación durante este mandato municipal. A concellería que dirixe Antón Louro vén de pechar o calendario para o próximo ano, que inclúe a aprobación ou renovación de catro ordenanzas.
Así, a finais de 2013, Pontevedra contará con novas normativas reguladoras da tramitación das licenzas de actividade e/ou obra menor (Simplificación Administrativa), Inspección Técnica de Edificacións (ITE), furanchos, ruídos e publicidade exterior. Para máis adiante barállase afrontar as ordenanzas relativas a cuestións como os vados permanentes, veladores e antenas de telefonía móbil, entre outras.
Antón Louro entende que o marco normativo do Concello quedou desactualizado nalgúns campos e inexistente noutros. Nalgúns casos trátase de obrigas legais como no caso das ITE ou os furanchos, e noutros de claras demandas sociais para prever adaptarse aos cambios experimentados nos últimos anos.
O concelleiro lembra que o Pleno deste mes aprobará definitivamente a Ordenanza de Simplificación Administrativa. Trátase dun cambio fundamental na maneira de relacionarse coa Administración local, porque permite obter licenza para abrir un negocio con só encher un papel, a chamada Declaración Responsable. Louro subliña que a ordenanza suprimirá radicalmente o papeleo administrativo. O Concello pasará a controlar a legalidade das actividades comerciais, só a posteriori, a través dos servizos de Disciplina Urbanística e a Policía Local.
Paralelamente, estase a elaborar o borrador da ordenanza de Inspección Técnica de Edificacións (ITE). Outra norma que supón un cambio de modelo, tendente a incrementar a seguridade dende un punto de vista preventivo. A nova ordenanza obrigará non só a conservar non só as fachadas, senón todas as instalacións e servizos dun edificio.
Os propietarios deberán pasar revisións periódicas e presentar un certificado de que todo está en regra. Non vai supor un custo excesivo para as comunidades de propietarios e, a cambio, Pontevedra contará cunha regulamentación encamiñada a previr non só desprendementos, senón tamén incendios, roturas de tuberías e incidencias de todo tipo.

No próximo ano 2013, a Concellería de Urbanismo traballará na elaboración doutras tres ordenanzas. A primeira delas será a a reguladora da actividade dos furanchos. A pesar de que a Xunta de Galicia aínda non ten aprobado o Decreto que lexislará sobre esta cuestión, Antón Louro entende que non se pode seguir agardando para ordenar este tipo de establecementos. O obxectivo é darlle seguridade aos propietarios dos loureiros, determinar as  condicións de funcionamento e, ao tempo, garantir que non compiten deslealmente coa hostelería establecida.

A continuación, procederase á renovación da ordenanza de ruídos. É unha demanda do sector hosteleiro en xeral. Pontevedra conta cunha ordenanza, aprobada no ano 2000, con criterios moi restritivos e sen distinguir ben entre os distintos tipos de negocios. O concelleiro de Urbanismo entende que non hai que ser igual de esixentes cunha discoteca ou un pub que cunha cafetería. De tódolos xeitos, anticipa que a tramitación irá moi da man coa opinión dos veciños e os profesionais da hostelería para que todos os intereses, parcialmente contrapostos, podan encontrarse nun punto común.

Finalmente, tamén en 2013, abordarase a regulación da publicidade exterior. Non existe ningunha normativa en Pontevedra a este respecto. É preciso regular cuestións sobre rótulos comerciais, reparto de publicidade na rúa, buzoneos, publicidade móbil, en taxis, en letreiros luminosos (novidade que está aparecendo ultimamente), valados, etcétera.
Para máis adiante quedarán outras revisións das normativas reguladoras de vados e veladores, que tamén están na axenda, así como a elaboración dunha ordenanza que encadre definitivamente a instalación de redes de telecomunicacións e telefonía móbil.