Seis dos blogueiros de turismo máis activos de España participaron nun encontro en Pontevedra

61

A mancomunidade de turismo Terras de Pontevedra organizou un “blogtrip” con algúns dos principais blogueiros de España especializados en turismo. A concelleira de Turismo, Carlota Román, pasou boa parte da fin de semana acompañándoos nas súas visitas polo Centro Histórico, a Praza de Abastos e a Poio.
No encontro, que tivo como fío condutor a riqueza rupestre da comarca, participaron seis dos blogueiros españois con máis influencia no sector turístico. O programa abrangueu un amplo número de actividades entre o venres, 19 e o domingo, 21.
Asistiron auténticos referentes na promoción do turismo na Internet:
Miguel Egido Martínez (www.diariodeunmentiroso.com). Sevillano, autor deste blog dedicado a relatos de aventuras polo mundo.
Eva Blanco (www.expreso.info). Responsable deste primeiro diario dixital de viaxes e turismo de España.
Alfonso López (www.recetasderechupete.com). Galego. Promotor e defensor dos valores gastronómicos da cociña sinxela e das receitas de toda a vida.
Carlos Olmo (www.vagamundos.net). Viaxeiro profesional dende o ano 2000 e autor de proxectos de contido viaxeiro e cultural.
Mario Schumacher (www.minimacon.com e www.marioschumacher.com). Social Media Manager na Costa Branca. Coñecido viaxeiro 2.0.
Fidel Martín (www.fidelmartin.com e www.elturistacultural.com). Social Media. Consultor turístico. Gastrónomo. Viaxeiro dixital.
O programa comezou o venres, 19, coa chegada a Pontevedra. Pola tarde houbo unha visita guiada ao Centro Histórico da Cidade e, á tardiña, unha cata de viños e cea maridaxe na sede no Pazo de Mugartegui, sede da Denominación de Orixe Rías Baixas.
O sábado, 20 a xornada comezou cunha visita ao Mercado de Abastos. Traslado en barco ata Combarro, onde participaron nunha visita guiada. Pasaron polo mosteiro de Poio. Xa pola tarde, visita guiada nocturna á área arqueolóxica de Tourón.
Finalmente, o domingo, 21 celebrouse unha visita ao parque de arte rupestre de Campolameiro.
O “blogtrip” da comarca de Pontevedra despertou un grande interese na Rede, onde se publicaron diversas reportaxes sobre Pontevedra.