Os escolares pontevedreses comezaron hoxe a aprender a utilizar a enerxía dun xeito responsable. Co gallo da proclamación por parte das Nacións Unidas de 2012 como Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos, a Concellería de Educación puxo en marcha un programa educativo.
“Enerxía Escolar” botou hoxe a andar no colexio Xunqueira II coa presenza do concelleiro, Agustín Fernández. De aquí ao Nadal, un total de 483 nenos e nenas de 12 colexios públicos estudarán dun xeito lúdico o consumo responsable dun recurso limitado e que produce claros efectos no medio ambiente.
Para maximizar o impacto, a Concellería optou por dirixir o programa ao alumnado de Primeiro e Segundo de Primaria. A idea é traballar con rapaces moi pequenos para inculcar ideas e conceptos de xeito precoz.
A actividade desenvolverase en tres pasos. Nun primeiro faise un obradoiro práctico sobre xoguetes solares. Máis adiante trabállase na diagnose dos hábitos da vida diaria dos pequenos e o seu impacto enerxético. O resultado será unha auditoría, na que quedarán manifesto as pautas a corrixir e as boas prácticas recomendadas. Finalmente, desenvolverase unha xornada sobre os compromisos e as boas prácticas implantadas en cada un dos colexios participantes. Realizarán unha exposición con paneis fotográficos e, finalmente, unha mostra dos xoguetes solares.
O concelleiro de Educación destacou a necesidade deste tipo de programas e actividades, cos que se pretende complementar e ampliar os coñecementos que o alumnado recibe no ensino regrado. Desta vontade municipal nacen tamén programas tan variados como o “Cartafol do Lérez” (obradoiro de escrita creativa), apoio ás familias con nenos/as con Transtorno por Déficit de Atención e/ou Hiperactividade, As maletas viaxeiras (animación á lectura), Saúde, Alimentación e Actividade Física (invitación á práctica deportiva e á vida sa) e, finalmente, o programa de excursións na Natureza, Faise camiño ao andar.
Inicio Sin categoría