A Concellería de Promoción Económica pon en marcha a primeira Feira de Emprego de Pontevedra

42

Aguzar o enxeño na loita contra o paro é o motivo que levou á Concellería de Promoción Económica a deseñar e poñer en marcha a primeira Feira de Emprego de Pontevedra, que se celebrará no Pazo da Cultura durante os próximos 7 e 8 de novembro.
A concelleira Carlota Román quere que o Concello exerza como mediador entre os empresarios, emprendedores e demandantes de emprego para xestionar unha bolsa de 125 ofertas para a campaña de Nadal. A feira nace así coa intención de garantir este número de contratacións facendo posible, por unha parte, que as empresas axusten os perfís das súas demandas e, pola outra, proporcionándolles os mellores candidatos.
Uns e outros (empresarios e parados) intercambiarán coñecementos e experiencias nun entorno axeitado. Unha iniciativa, engadiu a concelleira, especialmente necesaria cando o paro rexistrado na cidade supera as 8.000 persoas.
Román animou a asistir a todas as persoas interesadas en traballar durante o Nadal, especialmente en sectores relacionados coa alimentación e o lecer. Destacou, que, a día de hoxe, xa está apalabrada a oferta de case 100 das 125 prazas. Será, asegurou, unha oferta real e comprobable.
A feira contará con 22 stands, entre os que estarán, ademais da propia Concellería, os sindicatos, as asociacións empresariais, así como empresas importantes de Pontevedra e Galicia. O labor de promoción xa ten comezado e continuará ao longo dos próximos días.
O evento instalarase no vestíbulo do Pazo da Cultura e apoiarase tamén nos distintos espazos existentes.
Contará cun programa de miniconferencias de 30 minutos a cargo de empresarios galegos de éxito. Non se trata de aulas maxistrais, senón de charlas moi prácticas en formato cara a cara.
As conferencias estarán a cargo de empresarios ou responsables da Administración. Ofreceranse no salón de actos. Darán a nota máis técnica do salón.
Finalmente, programáronse unha serie de obradoiros de emprego, a cargo de expertos na materia. Serán un espazo para que os participantes aprendan diferentes técnicas e habilidades útiles para a busca de traballo. Tamén haberá especial atención ao emprendedorismo.
Entre os ponentes estará o IGAPE, Gaby Castellanos (directora creativa e consultora), Porto-Muíños (empresa galega pioneira na extracción e envasado de algas), Ana Hernández (fundadora de A/V Asesores), a fundación Galicia-Europa, Raúl Peralba (presidente de Positioning Systems e socio director de Trout&Partners), Xosé Alberte Cea (pedagogo e asesor laboral) e Pedro Pablo Gutiérrez (profesor titular na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación).