O Concello retira o recurso presentado no proceso xudicial da comunidade de montes de Salcedo contra a Brilat

63

O Concello de Pontevedra retirará o recurso presentado no procedemento xudicial da comunidade de montes de Salcedo contra a Brilat. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, quen explicou que esta decisión avalada pola asesoría xurídica do Concello será aprobada na Xunta de Goberno da vindeira semana.

César Mosquera explicou que no seu día o Concello, atendendo as recomendacións da asesoría xurídica, acordou personarse neste procedemento para evitar que en futuros faios xudicais se lle repercutira ao Concello o pago dalgunha indemnización por actos municipais do pasado (1898 e 1964) -antes legais, agora ilegais- nos que o Concello permitía ao Ministerio do Exército ocupar os terreos propiedade dos comuneiros. Ante esta posible opción e tendo en conta que o Goberno Local, dende un punto de vista político, non era partidario de presentar este recurso, acordou a súa personación.

Unha vez que a Abogacía do Estado presenta extemporalmente a súa demanda, o Concello acorda agora desistir do seu recurso, o que esta vía xudicial queda totalmente esgotada ao non existir recurso ningún contra a sentenza da Audiencia que daba a razón á comunidade de montes de Salcedo, ao recoñecer a propiedade dos terreos que agora ocupa a Brilat.

César Mosquera quixo deixar claro que o Concello nunca discutiu a presenza da Brilat no municipio de Pontevedra, e tampouco cos veciños, dado que existía unha convivencia cordial que foi rachada por  "unha actuación absurda" do Ministerio de Defensa de ampliar o perímetro de protección e a instalación dunha aldea afgana. César Mosquera explicou que "nunca existiu a posibilidade de que a Brilat se fora de Pontevedra, e de ser así, non habería problemas en buscar unha situación alternativa idónea e incluso con mellores terreos que os que ten agora".