Bará e Comesaña estudan co Consello de Campañó a restauración do cruceiro de Casal do Mendo

40

A concelleira delegada da parroquia de Campañó, Pilar Comesaña, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará manteñen esta tarde, a partir das 18.00 horas, unha reunión con representantes do Consello parroquial de Campañó para falar da restauración do cruceiro de Casal do Mendo. A reunión será no mesmo lugar onde se levantaba o cruceiro, agora custodiado no almacén de elementos patrimoniais do Concello.

A Concellaría de Patrimonio Histórico prevé restaurar esta obra escultórica do patrimonio histórico pontevedrés co orzamento do vindeiro ano. Na reunión desta tarde, preténdese observar sobre o terreo a posibilidade dun cambio de situación, dado que se atopa nun cruce de estradas moi transitadas por vehículos.

A Concellaría xa encargou a unha empresa un informe sobre o estado de conservación e restauración da peza, que asegura que o cruceiro é recuperable, e xa foi obxecto de anteriores intervencións. Aínda que parte da cruz está bastante destrozada, xa se teñen realizado restauracións similares cun exitoso resultado.