Traballos de limpeza e mantemento nos cemiterios para o Día de Todos os Santos

42

Con motivo da celebración do día de Todos os Santos, o vindeiro xoves, 1 de novembro, a Concellaría de Cemiterios, xestionada por Carmen Fouces, está a facer os habituais traballos de acondicionamento en todos os cemiterios do concello, xa sexan municipais ou parroquiais. Durante toda esta semana estanse a intensificar os traballos de limpeza e de mantemento de espazos de verdes comúns nos cemiterios municipais, así como de desbroce nos accesos en todos nos que sexan necesarios estes traballos.

     A Brigada de Parques e Xardíns está a facer un especial esforzo para estas datas en todos os cemiterios municipais acondicionando espazos verdes e, incluso, mellorando pavimentos. Mellora de setos, colocación de plantas con flor de temporada, podas de árbores e outros traballos centran a actuación desta brigada, que tamén está a facer melloras en pavimentos e outros traballos de acondicionamento dos cemiterios municipais para que estean en condicións para o día de Todos os Santos.

     Ademais, o servizo municipal de limpeza está a realizar desbroces en todos os cemiterios xa sexan municipais ou non, para mellorar os accesos.

     O servizo de recollida de lixo reforza durante esta semana e a que vén as quendas de recollida nos contornos dos cemiterios, de ser preciso recollerase o lixo varias veces ao día. Tamén se aumentou a flota de contentores nestes espazos nos días previos ao 1 de novembro. É coñecido que o lixo nos cemiterios do municipio incrementa nestas vésperas de Todos os Santos, porque os veciños queren ter en perfecto estados os seus panteóns ou nichos.