A terceira edición do PontevedRAID enche de aventura a fin de semana pontevedresa

76

A xornada deste próximo sábado estará repleta de aventura. A cidade acolle a terceira edición do PontevedRAID, proba encadrada na oitava liga galega de Raid.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Club Montañeiros, Manuel Beloso, presentaron hoxe o evento, que estivo a piques de suspenderse por mor dunha operación de gancho ao xabarín autorizada pola Xunta de Galicia no monte da Fracha. Finalmente, esta mesma mañá, despois de que o club e o TECOR alcanzaran un acordo para separar ambas actividades e delimitar perfectamente o percorrido a cubrir polos deportistas, a Consellería de Presidencia autorizou o Raid.
Neste deporte combínanse as destrezas físico-deportivas, co intelecto e a estratexia para a orientación. Os equipos dispoñen dun mapa para orientarse e completar as probas e superar os controis.
Compítese en dúas categorías: Elite para os máis preparados e Aventura para os que buscan un reto persoal. Dispútase en equipos de tres persoas, formados indistintamente por homes e mulleres. Comeza ás 9 horas e remata ás 19 horas.
A Illa das Esculturas será o epicentro da competición. Alí estará a saída e a meta e tamén os boxes onde os equipos deberán regresar despois de cada proba para alimentarse, cambiarse de roupa e coller o material necesario para a seguinte disciplina. O Raid tamén transcorrerá polo monte de Castrosenín (Mourente), as sendas do río Lérez, a serra da Fracha, a praia fluvial de Ponte Sampaio, o río Verdugo e as instalacións do Casino Mercantil e Industrial, onde  se celebrará a proba especial de tiro con arco. A mañá incluirá tamén un espectacular rápel aéreo, nun lugar segredo para manter a incógnita entre os participantes.
En total, haberá que cubrir 94 Km repartidos en cinco seccións de diferente duración. Os participantes terán que competir sobre bicicleta de montaña, a pé e tamén en kayak.
Trátase dun Raid de estratexia. Será moi difícil de completalo completamente, dado que non hai un recinto concreto, senón unha ampla zona que hai que cubrir cun mapa onde aparecen marcados os puntos de control. Os equipos decidirán a ruta a elixir para chegar o máis rápido posible e co menor esforzo. Para elo contarán tamén cun compás e un altímetro.
Estamos diante da sétima proba do calendario galego, na liga que organiza a Asociación Galega de Clubs de Orientación. Nela decidirase o campión galego en ambas categorías.