Carmen Fouces comproba os traballos de mantemento dos cemiterios para o día de Todos os Santos

81

A concelleira delegada dos cemiterios municipais, Carmen Fouces visitou esta mañá os traballos de acondicionamento que as distintas brigadas municipais están a realizar nos cemiterios municipais para mantelos en perfectas condicións de cara ao Día de todos os Santos. Durante estes días estanse a intensificar os traballos de limpeza e de mantemento de espazos de verdes comúns nos cemiterios municipais, así como de desbroce nos accesos en todos nos que sexan necesarios estes traballos.

     A Brigada de Parques e Xardíns está a facer un especial esforzo para estas datas en todos os cemiterios municipais acondicionando espazos verdes e, incluso, mellorando pavimentos. Mellora de setos, colocación de plantas con flor de temporada, podas de árbores e outros traballos centran a actuación desta brigada, que tamén está a facer melloras en pavimentos e outros traballos de acondicionamento dos cemiterios municipais para que estean en condicións para o día de Todos os Santos.

     Ademais, o servizo municipal de limpeza está a realizar desbroces en todos os cemiterios xa sexan municipais ou non, para mellorar os accesos.

     O servizo de recollida de lixo reforza durante esta semana e a que vén as quendas de recollida nos contornos dos cemiterios, de ser preciso recollerase o lixo varias veces ao día. Tamén se aumentou a flota de contentores nestes espazos nos días previos ao 1 de novembro. É coñecido que o lixo nos cemiterios do municipio incrementa nestas vésperas de Todos os Santos, porque os veciños queren ter en perfecto estados os seus panteóns ou nichos.

Operativo de tráfico

A Policía Local, pola súa banda, xa ten previsto dous operativos de tráfico nas inmediacións dos cemiterios de San Amaro e Lérez, debido á gran afluencia de persoas na xornada de Todos os Santos.

Ao respecto do cemiterio de San Amaro e co fin de facilitar o estacionamento  a ambos lados debido ao escaso número de prazas de estacionamento, é preciso desviar o tráfico nas inmediacións do cemiterio, deixando unha vía de entrada e outra de saída para evitar atrancos e retencións.

Polo tanto, o acceso ao cemiterio farase dende a rúa San Amaro cara a rúa Camposanto, polo que se impedirá o acceso de vehículos procedentes da rúa Pintor Laxeiro-Camposanto cara ao cemiterio desviando o tráfico a altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara a Xoán Carlos I.

Ao respecto do cemiterio de Lérez, permitirase o estacionamento no acceso ao cemiterio e ao aparcadoiro, polo que  se fixará un sentido único de circulación, de tal xeito que o acceso farase pola entrada da zona da Piolla e a saída seguindo esta mesma vía cara ao Outeiro, onde se accede novamente a estrada xeral de Campo Lameiro.