O Concello habilitará unha zona de estacionamento provisional na entrada a Monte Porreiro

33

O Consello de barrio de Monte Porreiro abordará esta tarde o proxecto de mellora da accesibilidade e seguranza viaria no contorno do colexio Marcos da Portela e no acceso peonil ao parque do Miradoiro. O concelleiro delegado do barrio, Luís Bará que tamén asistirá á reunión á que están convocadas as ANPAS dos centros do barrio, a asociación A Fieitiña e a Asociación de veciños, presentará o proxecto de acondicionamento dunha parcela que se transformará en estacionamento provisorio entre as rúas Francia e Grecia.

O investimento que o Concello fará nestes traballos é de 34.830 euros e comezarán a vindeira semana. As actuacións que hoxe se presentarán no Consello de barrio responden ás demandas do tecido asociativo do barrio e foron propostas no seu día no Consello.

Ao respecto da parcela situada entre as rúas Francia e Grecia (á altura da rotonda da nova ponte de Monte Porreiro), o Concello ten intención de acondicionala para uso de estacionamento provisional. Trátase dunha parcela que no seu día foi destinada para igrexa parroquial, pero logo foi permutada co Arcebispado, e na actualidade é de titularidade municipal.

Atópase nun estado de abandono con depósito de entullos, árbores en mal estado. Xa é zona de aparcamento indiscriminado sen acceso coas rúas colindantes. O Concello vaina a acondicionar limpándoa, retirando entullos, podando ou talando algunha árbore en perigo de desplome, e estendendo xabre como pavimento firme para crear un estacionamento provisiorio.

Outros traballos igual de importantes son os relativos á seguranza viaria e á accesibilidade no ámbito da rúa Francia (dende a Ponte de Monte Porreiro até a Uned) con Suecia e Dinamarca e tamén coa rúa Italia dado que en este ámbito atópase o centro escolar Marcos da Portela, a Uned e o acceso peonil ao parque do Miradoiro.

Co obxectivo de calmar o tráfico na rúa Francia, farase un novo paso de peóns elevado entre a rúa Suecia e Dinamarca para mellorar a seguranza viaria. Esta actuación mellora a comunicación entre a zona do colexio e o parque infantil e a pista polideportiva da rúa Dinamarca (na zona do Miradoiro). Tamén se mellorará a seguranza viaria e a accesibilidade no paso de peóns entre Italia e o parque do Miradoiro, á altura da estación de servizo.

Por último está previsto a eliminación de barreiras nun paso de peóns situado entre o colexio Marcos da Portela e o centro comercial de Monte Porreiro, na rúa Suecia. Neste ámbito tamén se mellorará a accesibilidade e os empozamentos de auga no paso entre a rúa e as escaleiras de subida cara a rúa Italia, onde xa se mellorou o mobiliario coa reparación de bancos e farolas.