Promoción Económica apoia a segunda Iniciativa Local de Emprego no que vai de ano

45

Proporcionar solucións ás industrias para neutralizar, e mesmo tirar partido de todo tipo de residuos orgánicos, é o obxectivo dunha Iniciativa Local de Emprego que hoxe foi presentada pola concelleira Carlota Román.
Bioprana World está constituída por tres emprendedores pontevedreses encabezados por José Fernando Rey Pazos, un enxeñeiro industrial que ata o de agora fixo a súa carreira profesional no campo das ventas. Pretenden ofrecer servizos ecolóxicos a empresas altamente contaminantes. Para elo ofertarán biotecnoloxía baseada en microorganismos que permitirá tratar “in situ” todo tipo de puríns e residuos vacúns, porcinos ou avícolas. A nova empresa permite transformar estes residuos en abono orgánico ou biofertilizantes.
Outros campos de acción serán o tratamento de biogás a prezos competitivos e, máis adiante, o biodiésel.
Nunha primeira etapa, as industrias en xeral, pero especialmente as agro-gandeiras, serán os seus principais clientes, pero non descartan ofertar servizos para as economías domésticas.
Carlota Román subliñou que trátase da segunda Iniciativa Local de Emprego que apoia a Concellería de Promoción Económica no que vai de ano. A primeira foi a plataforma informativa na Rede Ponte.tv e agora chega este novo proxecto, orientado a un sector completamente diferente.
Teñen a consideración de Iniciativas de Emprego Local os proxectos empresariais innovadores e xeradores de emprego. O apoio municipal consistirán en asesoramento dos axentes de emprego local, apoio técnico no inicio da actividade durante un período de seis meses e inclusión nos proxectos para o fomento do emprego que realice o Concello.
A concelleira destaca que todas as actividades xeradoras de emprego e sustentables ambientalmente contarán co apoio da Concellería de Promoción Económica.