Baixa a menos da metade as achegas dos concellos da ría de Pontevedra para o novo abastecemento

58

O Concello de Pontevedra acolleu onte pola tarde a reunión da comisión de seguimento do convenio do abastecemento a Pontevedra e a súa ría na que estivo presente o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera polo Concello de Pontevedra, acompañado dos alcaldes de Poio, Marín, Vilaboa e un representante do concello de Sanxenxo, ademais da nova directora xeral de Aquanorte, Isabel Pérez-Espinosa.

Segundo explicou o concelleiro, mantéñense os prazos de facer a exposición pública dos primeiros proxectos entre o vindeiro mes de novembro e decembro, así como a relación de bens afectados polas obras.

Ao respecto das obras da marxe esquerda (Pontevedra, Marín, Vilaboa) poderán comezar entre febreiro e marzo de 2013. As da marxe dereita (Pontevedra, Poio, Sanxenxo) será a partir de maio xuño de 2013. O remate final da totalidade das obras será a finais de 2014.

As principais novidades do proxecto é a refinanciación da obra. Dado que a Dirección general del Agua refinanciou o proxecto de abastecemento de Pontevedra e a súa ría con fondos FEDER pasou dun 43% a un 70%. Ademais, incremento o valor do proxecto pasando de 31.648.000 euros a 33.000.000 millóns co obxecto de ter máis disponibilidade para as obras ou para facer fronte a calquer problema futuro.

O incremento de Fondos FEDER permite rebaixar as contías que tiña que achegar a empresa pública Aquanorte e tamén os concellos, que achegarán un 15% respectivamente. A achega dos concellos baixa, polo tanto, a menos da metade. o Concello de Pontevedra deberá facer unha achega total de 2.129.905,67 euros, fronte aos 4,7 millóns de euros iniciais.

Está previsto que o novo texto do convenio que haberán de asinar todos os concellos con Aquanorte se faga a finais deste ano.