O mes de outubro pechou con preto de 7.000 visitantes nos puntos de información turística municipal

64

Un total de 6.871 turistas pasaron polos puntos de información do Concello de Pontevedra ao longo do pasado mes de outubro. A Casa da Luz e a caseta da praza de España (nesta época do ano non funciona a caseta das estacións) atenderon a unha media diaria de 229 visitantes.
As cifras son moi superiores ás do mes de outubro de 2011, cando os rexistros municipais apuntan a 3.203 visitantes. Non obstante, durante o ano pasado, aínda non funcionaba o cubo acristalado da praza de España, que está a ter unha grande acollida dende a súa apertura.
Ademais, algo máis de 791 veciños da cidade de Pontevedra pasaron a recoller información sobre a programación cultural e musical ou a facer algún tipo de consulta relacionada con puntos para visitar da cidade ou arredores.
O turismo nacional segue a ser o principal visitante, con case un 88,72% da cota, mentres que o turismo internacional chega ao 11,28% do total.
Os principais turistas estranxeiros foron os procedentes de Portugal, con case un 26%, seguidos dos alemáns (21%) e os franceses (12%).
Dentro do turismo nacional, predominaron os procedentes de Andalucía cun 18%, seguidos dos madrileños cun 17%, Castela-León (12%) e valencianos (tamén un 12%).

Perfil
Case o 36% dos turistas que visitaron os puntos de información de Pontevedra estaban aloxados en Sanxenxo, ocupando o segundo lugar a zona do Salnés-Deza-Tabeirós cun 21%. O terceiro lugar foi para a propia cidade de Pontevedra, cun 12%.
O 93,70% dos turistas dixeron durmir en hoteis. O aloxamento en casas rurais foi, a moita distancia, a segunda opción, con só un 1,4%.
Os turistas de mais de 60 anos ocupan o primeiro co 43% do total. Os que tiñan idades comprendidas entre os 46 e os 60 anos foron un 37%. Os turistas de 31 a 45 anos aumentaron a súa prevalencia, dado que chegaron ao 15%.
Os turistas dos grupos que chegan en autocar foron un 63% do total. Case o 24% chegaron a bordo do seu propio automóbil. En avión viaxaron un 8,4%.
A maior parte dos visitantes do pasado mes de outubro fixérono motivados pola información recollida en guías de turismo, portais da Internet e recomendacións de familiares ou amigos.  O clima e a paisaxe seguen a ser o máis valorado.
O 98% dos visitantes non coñecían aínda a cidade de Pontevedra. A maioría quedou agradablemente sorprendido polo Centro Histórico e a cidade e expresou a súa intención de volver.
A información demandada foi variada, pero destaca a relativa á propia cidade de Pontevedra (especialmente o Museo Provincial) e arredores, como Combarro, a zona do Salnés ou a cidade de Vigo. Tamén houbo un grande interese polo Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.