Carlos Ferrer é un dos atletas veteranos máis laureados da historia de Pontevedra, afirmou hoxe o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. O seu currículo é impresionante e resulta un orgullo para esta cidade contar con deportistas da súa categoría.
Ferrer foi recibido hoxe no Concello para premiar a súa traxectoria. O propio responsable municipal destacou que ten por costume recibir aos máis significados deportistas locais, e iso implica tanto aos que compiten a nivel de deporte federado en categoría senior, como aos que destacan internacionalmente, ben en categorías inferiores, ben en categoría de veteranos.
O homenaxeado, que pertence ao Corpo Municipal de Bombeiros, ten 53 anos e pertence a unha saga familiar moi coñecida na cidade. Na súa práctica diaria combina lanzamentos de martillo (nas dúas modalidades de lixeiro e pesado), disco, peso e xabalina.
Carlos Ferrer expresou a súa ledicia polo recoñecemento da Concellería de Deportes e prometeu seguir competindo ata que o corpo aguante. No capítulo de agradecementos quixo citar expresamente ao seu adestrador, Javier López Viñas, e á súa familia: moi especialmente á súa muller, que lle presta o máximo apoio e sen a que sería imposible competir a este nivel.
Como destacou Agustín Fernández, o palmarés de Ferrer é abraiante. Por citar unicamente os dous últimos anos:
Ano 2011:
Campionato do Mundo en Nova York de Policía e Bombeiros:
Campión mundial en martillo de 6 Kg e cuarto clasificado en disco.
Campionatos de España:
Subcampión en martillo 6 Kg, terceiro en martillo 11 Kg e terceiro clasificado en Pentatlón de lanzamentos.
Ano 2012:
Europolyb, celebrado en Tenerife:
Primeiro en martillo 6 Kg, primeiro en lanzamento de xabalina, subcampión en lanzamento de peso, subcampión en lanzamento de disco.
Campionato de España:
Campión en martillo 11 Kg, subcampión martillo 6 Kg, subcampión en Pentatlón lanzamentos.
Ten actualmente no seu poder os record galegos de martillo lixeiro e pesado, así como a mellor puntuación en pentatlón de lanzamentos.
Os seus próximos obxectivos están na participación do Campionato de Europa de Veteranos, que se celebrará en marzo próximo en San Sebastián. A continuación, en abril, participará no Campionato de España de Pentatlón e, finalmente, acudirá ao Mundial de Policías e Bombeiros, que está programado para o mes de agosto en Belfast (Irlanda).