Promoción Económica e AJE colaboran na organización dos premios “Novo Empresario” e no programa “AJE móvese”

63

O Concello de Pontevedra estreita a súa colaboración coa “Asociación de Jóvenes Empresarios” de Pontevedra (AJE). O alcalde en funcións, Antón Louro, asinou esta mañá dous convenios de colaboración, por un importe total de 8.000 euros, coa entidade que preside José Manuel Valenzuela.
A colaboración municipal, realizada a través da Concellería de Promoción Económica, que dirixe Carlota Román, permitirá a organización dos XVII premios Novo Empresario do Ano e do certame “AJE Móvese”.
No primeiro dos convenios obsérvase que o Concello achega unha subvención de 2.000 euros “para o desenvolvemento e apoio anual dos gastos e derivados das actividades que leve a cabo con motivo da preparación, organización e celebración do XVII Premio Novo Empresario do Ano”. A entrega do galardón (que inclúe tamén o premio ao mellor emprendedor) está prevista para o día 30. Faise constar que o importe da achega municipal non poderá superar o 50% do custo da actividade.
No segundo, cunha contía de 6.000 euros, subvenciónase a actividade “AJE Móvese”, que, segundo a documentación presentada pola asociación empresarial, contará cun orzamento total de 16.867 euros. Comprende unha serie de iniciativas para incentivar o emprendemento empresarial.
Carlota Román defendeu a sinatura deste tipo de acordos  e fixo un repaso por outras iniciativas da súa Concellería en materia de promoción do emprego e citou o programa ILES, os cursos para emprendedores, a posta en marcha do viveiro municipal ou a próxima feira de autoemprego.
Pola súa banda, Antón Louro destacou a política municipal de apoio ás entidades empresariais e, así, lembrou que este ano manteranse as colaboracións non só con AJE, senón tamén coa Cámara de Comercio, Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.