O alcalde e Ana Pastor asinarán a addenda do desdobramento da avenida de Vigo este venres

79

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores manterá unha reunión de traballo coa ministra de Fomento, Ana Pastor, aproveitando a visita que a responsable do Goberno central fará ao Concello de Pontevedra este vernes, 9 de novembro, ás 12.00 horas para asinar a addenda ao convenio bilateral entre o Concello e Fomento do ano 2009 para a construción do desdobramento da avenida de Vigo. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera logo de que o Ministerio confirmase esta mañá a visita da ministra.

Ana Pastor chegará ao concello ás 12.00 horas para manter unha reunión de traballo co alcalde e os asesores das respectivas institucións. César Mosquera adiantou que será unha reunión na que se abordará o desdobramento da avenida de Vigo; seguimento ás obras do Nó do Pino; a nova estación do ferrocarril e as obras do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade; os plans do Ministerio para a circunvación de Pontevedra; o paseo peonil entre Pontevedra e Marín; e a conexión da ponte das Correntes co no de Bombeiros (reordenación do nó de Bombeiros).

Arredor das 12.30 horas o alcalde e a ministra asinarán a addenda para a construción do desdobramento da avenida de Vigo, que segundo explicou César Mosquera esta mañá, esta sinatura permitirá que as obras estean iniciadas o vindeiro ano.