A Concellería de Promoción Económica subvenciona a actividade da Área Comercial Urbana Zona Monumental

70

A Concellería de Promoción Económica subvencionará, un ano máis, o programa de actividades da Área Comercial Urbana Zona Monumental. O convenio foi asinado hoxe polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da entidade, Miguel Lago. Estivo presente a concelleira responsable, Carlota Román.
O convenio supón a achega dun total de 22.625 euros dos fondos da Concellería para axudar á realización das actividades de Carrozas, Volta ao cole, Alumeado de Nadal, Ponte Nadal e Feira do Mel, cun custo total de 45.250,02 euros.
Durante o acto, o alcalde destacou a importancia dos sectores do comercio e do turismo para o mantemento do tecido socioeconómico da cidade.
Carlota Román destacou que este tipo de convenios son máis necesarios que nunca e que o apoio ao comercio local é unha liña política imprescindible nos actuais tempos. A subida do IVE ao 21%, a supresión da paga extra dos funcionarios e a liberalización de horarios comerciais son medidas que, conxuntamente, producen un profundo impacto no comercio.
A concelleira de Promoción Económica opinou que mercar no comercio local é potenciar a relación cliente-comerciante e unha alternativa ao impersonalismo que representan as grandes superficies.
Finalmente, lembrou que o seu departamento está a realizar todo un paquete de acciones nesta dirección. Así lembrou o curso de posicionamento Online para comerciantes locais ou o concurso de escaparates, dúas iniciativas que pronto coñecerán a súa segunda edición.
Miguel Lago, pola súa banda, destacou que mentres outras zonas monumentais galegas e españolas “parecen museos”, en Pontevedra conseguiuse dinamismo comercial e cidadán. Por iso, anunciou, seguirán loitando no futuro.