Bará presenta á comunidade escolar do Marcos da Portela as obras de seguranza viaria nesta zona do barrio

70

O concelleiro delegado do barrio de Monte Porreiro, Luís Bará mantivo unha reunión esta mañá cos veciños, a comunidade escolar e a ANPA do colexio Marcos da Portela para presentarlles os traballos concretos de accesibilidade, seguranza viaria e eliminación de barreiras nas rúas Francia e Suecia, no entorno do centro escolar.

Tamén lles amosou o calendario de traballo, e informoulles que as obras comezarán o 15 de novembro.

Co obxectivo de calmar o tráfico na rúa Francia, farase un novo paso de peóns elevado entre a rúa Suecia e Dinamarca para mellorar a seguranza viaria. Esta actuación mellora a comunicación entre a zona do colexio e o parque infantil e a pista polideportiva da rúa Dinamarca (na zona do Miradoiro). Tamén se mellorará a seguranza viaria e a accesibilidade no paso de peóns entre Italia e o parque do Miradoiro, á altura da estación de servizo.

Tamén está previsto a eliminación de barreiras nun paso de peóns situado entre o colexio Marcos da Portela e o centro comercial de Monte Porreiro, na rúa Suecia. Neste ámbito tamén se mellorará a accesibilidade e os empozamentos de auga no paso entre a rúa e as escaleiras de subida cara a rúa Italia, onde xa se mellorou o mobiliario coa reparación de bancos e farolas.