I Concurso de conto infantil ilustrado Contando Historias

76

 

A Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Cultura e en colaboración co OAL Museo de Pontevedra, convoca a primeira edición do concurso de conto infantil ilustrado en lingua galega Contando Historias, en dúas modalidades:

 

· Creadores infantís:

O OAL Museo de Pontevedra e as súas coleccións constituirán a temática do conto infantil ilustrado. Os creadores que queiran participar tecerán unha historia, novelada e ilustrada, sobre unha peza ou varias, un personaxe relevante na historia do Museo ou algún dos edificios que o integran, podendo todo iso ir mesturado.

Este concurso está destinado ós ciclos de primaria de todos os colexios da provincia de Pontevedra.

Entenderase como participante (unidade de participación) unha clase completa.

As categorías deste concurso serán tres: primeiro ciclo de primaria, segundo ciclo de primaria e terceiro ciclo de primaria. Cada colexio poderá participar cun máximo de dous contos por categoría.

Cada participante/clase presentará un único conto ilustrado, orixinal, inédito, redactado en lingua galega e anónimo. A súa extensión non superará os 10 folios, con formato A4 ou A3, escrito e/ou ilustrado por unha soa cara. O texto e as ilustracións serán complementarios, e as ilustracións realizaranse coa técnica pictórica que os debuxantes estimen oportuno.

Os premios consistirán en: A publicación conxunta dos tres contos gañadores, un de cada categoría, que serán distribuídos pola Deputación. Nos créditos desta publicación aparecerá o nome dos autores, dos seus profesores e do colexio ó que pertencen. Cada un dos nenos premiados recibirá un obsequio.

O colexio dos gañadores recibirá un premio por importe de 500 euros, que deberá ser investido no material escolar que o centro considere oportuno.

 

· Creadores adultos:

Os creadores que queiran participar tecerán unha historia, novelada e ilustrada, sobre unha peza ou varias, un personaxe relevante na historia do Museo ou algún dos edificios que o integran, podendo todo iso ir mesturado.

Poderán presentarse a este concurso todas aquelas persoas residentes en Galicia maiores de 16 anos.

A participación no concurso poderá ser individual ou en parella (o autor das ilustracións máis o autor do texto). Neste último caso, ambos os dous contarán como unha unidade de participación.

Cada participante poderá presentar un único conto infantil, orixinal e inédito, redactado en lingua galega e anónimo. A súa extensión non superará os 20 folios escritos e/ou ilustrados por unha soa cara, e o seu formato será libre. O texto e as ilustracións serán complementarios, e as ilustracións realizaranse coa técnica pictórica que os debuxantes estimen oportuno.

Os premios consistirán en: 1º premio, dotado con 1.000 €. 2º premio, dotado con 600 €. Ambos os contos publicaraos e distribuiraos a Deputación, e os autores premiados recibirán 10 copias do seu conto publicado.

 

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 30 de novembro de 2012. Máis información no BOP de Pontevedra do 18 de outubro de 2012 e en www.depontevedra.es