Mañá comeza a colocación da nova ponte peonil da avenida Domingo Fontán

46


O Concello de Pontevedra continúa mañá os traballos de instalación do novo paso peonil de Domingo Fontán, sobre a desembocadura do río Rons. O proxecto ten un custe duns 43.000 euros e contempla a retirada da actual pasarela que está pechada ao tránsito peonil porque está moi deteriorada, a instalación da nova pasarela realizada en formigón prefabricado, e a reparación da beirarrúa.

Está previsto que os traballos comecen ás 10.00 horas de mañá co peche do tráfico nos dous sentidos de Domingo Fontán para a instalación de dúas grúas de grandes dimensións que se encargarán da instalación da nova pasarela de formigón prefabricado. Estes labores poderán prolongarse ao longo do día, así que unha vez que se retiren as grúas a rúa volverase a abrir ao tráfico.

A Policía Local ten previsto o peche de Domingo Fontán entre a Ponte do Burgo e a das Correntes, mantendo o acceso aos residentes e servizos da rúa Martín Códax, dende a Ponte do Burgo.