A reforma da rúa de Santa Clara recupera o atrio monumental da igrexa e remodela a praza de José Martí

79

Dar o máximo protagonismo á igrexa conventual de Santa Clara e ao seu muro exterior é o fito máis destacado do proxecto de reforma da rúa do mesmo nome. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, preséntao hoxe aos veciños e comerciantes, acompañado dos técnicos municipais, nunha xuntanza que se celebrará ás 19.00 horas na sede da Cruz Vermella.

O proxecto, que terá un orzamento que oscilará ao redor dos 800.000 euros, cobre unha área de moi preto de 3.000 metros cadrados ao longo dos 265 metros de lonxitude total da rúa.

O principal cambio será a ampliación das beirarrúas, que pasarán a ter anchos de entre 1,80 e 2,50 metros. Actualmente hai tramos que apenas superan un metro e incumpren os estándares mínimos de accesibilidade. Estarán rematadas en lousa gris de gran formato. O carril de tráfico rodado terá un ancho de 3,30 metros e executarase en formigón semipulido. Toda a plataforma quedará configurada ao mesmo nivel, con bolardos nos puntos en que sexa necesario.

Resérvanse un total de 10 prazas de aparcamento en dúas bolsas con seis e catro prazas a cada extremo da rúa. Ambas situaranse ao lado dereito (ao revés que agora) para coincidir co sentido da marcha. Actualmente, a rúa conta cunhas 18 prazas.

Fronte ao convento de Santa Clara recuperarase o atrio tradicional, recuperando o aspecto recollido nas fotografías do ano 1900 (Zagala) e documentación histórica. Os parterres elevados actuais, sostidos por muros, serán eliminados, ao igual que a escaleira. O frontal da igrexa quedará delimitado por un atrio pavimentado en pedra duns 800 metros cadrados. A propia configuración do terreo, cunha altura de 0,8 metros na cota máis elevada, servirá para perfilar esta “praza”. Un pretil de pedra separará lonxitudinalmente o futuro atrio do carril de circulación.

A igrexa conventual e os dous tramos de muralla existentes (situados preto do Estadio da Xuventude e do aparcamento do centro comercial) serán iluminados de acordo cos criterios do Plan Director de Iluminación do Centro Histórico. A carón do pano do muro histórico máis próximo ao Estadio, onde hai outra superficie de herba elevada, recuperarase espazo para ampliar a beirarrúa.

Na praza de José Martí, o proxecto introduce cambios profundos coa intención de concederlle maior relevancia arquitectónica. A idea principal é abrila ao máximo, salvando as diferencias de cota coa rúa. A pequena escaleira dende a rúa de Padre Amoedo será ampliada ao máximo. Un escalón existente no outro extremo da praza (a carón da entrada ao aparcamento e a calella “adoquinada”), suprimido. Desaparecerán tamén os actuais parterres, que resultan disfuncionais.

A superficie será pavimentada en lousa de cuarcito raiada, un material moi similar ao existente no solo da igrexa de San Francisco. No centro da praza instalaranse dous bancos circulares, adornados cunha xardineira.

O proxecto inclúe tamén a substitución de todos os servizos soterrados. Especialmente relevante é a renovación das redes de saneamento, augas e recollida de pluviais, que atópanse en moi mal estado e mesmo está a provocar problemas de asolagamento dalgúns baixos e sotos.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, considera que trátase dun proxecto de gran calidade, construído a partir das achegas que veciños e comerciantes foron trasladando nestes últimos anos. Dunha obra que dá tamén cumprimento a unha promesa histórica co barrio de Santa Clara e que o integra definitivamente no centro da cidade.