Pontevedra acolle un curso de formación en Turismo Accesible

86

Máis de 120 millóns europeos con discapacidade teñen posibilidades e capacidade económica para viaxar. Loitar por posicionarse en ese mercado e traballar a prol da accesibilidade en todos os ámbitos relacionados co turismo é o obxectivo do Curso de Formación en Turismo Accesible que se vai celebrar en Pontevedra o próximo luns, día 12, e durante a mañá do martes, día 13.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, presentou hoxe a iniciativa xunto co presidente da asociación “Acturaccia”, José Manuel Cabada. A xornada estará dividida en tres bloques nos que se fará unha introdución ao turismo accesible e a atención aos clientes con necesidades especiais. A continuación falarase da Arquitectura, Urbanismo, Transporte e a normativa sobre accesibilidade. Finalmente, estudaranse as peculiaridades da organización de actividades turísticas accesibles.
A iniciativa conta co apoio do Real Padroado de Discapacidade e a Fundación Polibea (a través de Polibea Turismo), especializada na integración das persoas con discapacidade e a loita pola accesibilidade universal. O curso contará con expertos vinculados con Polibea e o Centro Estatal de Referencia para a Autonomía Personal e Axudas Técnicas (Ceapat).
Carlota Román subliñou que Pontevedra é unha das cidades galegas máis amables para o peón e que máis ten apostado pola accesibilidade nos últimos anos. Esta transformación outorga certa vantaxe que pode ser utilizada para aspirar a convertérmonos na capital da accesibilidade das Rías Baixas (ou mesmo de Galicia). Sen embargo, será necesario para elo que a cultura da accesibilidade chegue tamén ás infraestruturas turísticas privadas. A aposta polo turismo accesible é unha estratexia que, en opinión da concelleira, debe sumarse a outras, xa en marcha, como o posicionamento no sector do turismo de negocios.
Para elo hai que superar os déficits actuais, que consisten na falta de información sobre o destino Pontevedra e pola existencia de fortes tópicos turísticos sobre España. Sería necesario, por tanto, explicar as fortalezas das Rías Baixas en canto a paisaxe, cultura, arte rupestre, Zona Monumental de Pontevedra, gastronomía, náutica e, por suposto, tamén clima, moito máis agradable que o do resto de Europa.
A concelleira destacou que queda moito traxecto para superar os obstáculos aínda existentes en materia de accesibilidade. Lembrou que a democracia consiste tamén en remover todos os obstáculos que impiden a igualdade social.
José Manuel Cabada fixo un repaso á situación de distintas infraestruturas públicas e privadas locais en materia de accesibilidade. Así, relatou, a única sede turística adaptada de toda a cidade é a Casa da Luz, mentres que as oficinas da Xunta presentan algunha dificultade e as do Padroado Rías Baixas non teñen solución de accesibilidade posible.
Ademais, só hai sete habitacións de hotel accesibles, os restaurantes carecen de entradas adaptadas para cadeira de rodas, só oito cafeterías teñen acceso e baños adaptados e os caixeiros dos bancos tampouco están pensados para atender a persoas con discapacidade. A elo hai que engadir que, se ben algunhas igrexas (Santa María e San Bartolomeu) son perfectamente accesibles, hai outras con serias dificultades (destaca a Virxe do Camiño). Finalmente, Cabada apostou por abordar o problema da colocación de veladores por parte dos bares. Ao estar apegados á parede, dificultan o tránsito dos invidentes.
O presidente de Acturaccia concluíu cun apunte para a reflexión: todos seremos persoas con discapacidade, en maior ou menor medida, a partir dos 65 anos.