A Concellería de Deportes apoia a creación da Escola Municipal de Marcha por parte da Sociedade Ximnástica

70

Pontevedra incorpora unha nova Escola Deportiva Municipal para este curso. A modalidade de marcha incorpórase ao elenco de especialidades xa existentes da man da Sociedade Ximnástica. Unha iniciativa que nace co obxectivo de crear na cidade unha verdadeira canteira de marchadores/as.
Durante as próximas semanas, o club iniciará unha xeira de visitas aos colexios da cidade, co apoio da Concellería de Educación e Deportes, co obxectivo de captar, antes de que remate este mes de novembro, o núcleo inicial de participantes deste proxecto. A idea é contar cunha cifra de entre 15 e 30 marchadores con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos.
O Concello pasará así a contar con 17 disciplinas cubertas pola rede de Escolas Deportivas Municipais, nas que xa hai uns 1.800 inscritos. A Marcha incorpórase, deste xeito, ao Atletismo, Educación Física de Base, Baloncesto, Balonmán, Fútbol, Fútbol Sala, Judo, Ximnasia Artística e Trampolín, Ximnasia Rítmica e Acrobática, Tenis, Tenis de Mesa, Loita olímpica, Voleibol, Xadrez, Triatlón e Rugby.
O proxecto foi presentado hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, acompañado da futura directora da Escola, a marchadora Eva Iglesias, quen traballará en colaboración co director técnico da Ximnástica, Pablo Díaz. Ao acto asistiron o presidente do club, Ramón Touza, e o vicepresidente, Juan Romero.
Agustín Fernández explicou que a idea naceu hai algúns meses, como un xeito de promocionar a marcha en Pontevedra e cubrir o baleiro existente. A organización por parte da Concellería de Deportes dos campionatos de Galicia e de España de Marcha en Ruta serviu este ano para despertar un interese que estaba latente. O concelleiro engadiu que Pontevedra ten a sorte de contar cunha das mellores marchadoras de España, polo que resulta natural aproveitar este potencial.
Juan Romero admitiu que a Sociedade Ximnástica arrastra unha carencia importante de marchadores dende hai 20 anos, polo que era urxente facer algo. Ao mesmo tempo, se daba a circunstancia de que Eva Iglesias, o estandarte da marcha local, tiña fichado polo club Idiazabal. Xurdiu así a idea de poñela ao fronte da Escola Deportiva Municipal como fórmula para recuperala para a Ximnástica, unha solución óptima que, en palabras de Romero, “permitiunos matar dous paxaros dun tiro”.
A Escola estará aberta a todos os rapaces interesados, que deberán adestrar en xornadas de luns e mércores no Pavillón do Centro de Tecnificación Deportiva (Estadio da Xuventude).
Eva Iglesias comprometeuse a facer un traballo intenso, que comezará pola promoción e divulgación da marcha a todos os niveis. Hai un gran descoñecemento desta modalidade e aos nenos imos facerlles ver que hai máis cousas que o fútbol, o tenis ou o baloncesto, explicou.
Un labor no que vai contar coa colaboración de Pablo Díaz, quen explicou que as especificidades técnicas da marcha son tales que era moi complicado traballala cun mínimo de nivel dentro da Escola Municipal de Atletismo. Díaz engadiu que para este primeiro curso van co tempo moi xusto, polo que, ademais das visitas aos colexios, farase labor de promoción a través de Facebook e no sitio web da Ximnástica.