A micoloxía chega aos centros de ensino da man do servizo de Normalización

48

Un programa conxunto dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino da zona norte do concello, coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística, ofrece obradoiros de achegamento á micoloxía para os alumnos de educación infantil e primaria.

Os obradoiros, divididos en parte teórica e saída práctica ao monte, comezaron o pasado martes, 6 de novembro, na EEI de Verducido e seguirán mañá día 13 no CEIP de Santo André de Xeve; o 21 tócalle ao CEIP de Lérez e, para rematar, o 27 de novembro no CEIP de Parada-Campañó.

Estes obradoiros son impartidos por profesionais da Asociación Micolóxica Brincabois co fin de ensinar, en galego, as principais especies de cogomelos que medran nos montes preto dos centros de ensino, coñecer as especies tóxicas e conciencialos da importancia da conservación do seu hábitat.