O concelleiro de Deportes retirará os fondos do IMD de La Caixa se a entidade realiza desafiuzamentos das vivendas

72

 

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, remitiu esta mesma mañá, unha carta ao director de La Caixa en Pontevedra para advertirlle de que retirará os fondos do Instituto Municipal dos Deportes nesta entidade se non se paralizan os procedementos de desafiuzamento que estean en marcha, ou se acorda iniciar outros novos.

O texto completo da carta é o seguinte:

Señor director da oficina comercial de La Caixa en Pontevedra:

Como ben sabe, a sociedade está a sufrir un gran padecemento por mor da crise económica. Unha crise inxusta, na que os sectores máis desfavorecidos da poboación están a quedar desprotexidos diante dunha coxuntura económica que, lonxe de mellorar, parece camiñar aínda cara a un empeoramento de consecuencias imprevisibles.

Os desafiuzamentos das persoas e familias que, por mor do impacto desta crise, non poden seguir a pagar a hipoteca, son unha das expresións máis inxustas e crueis do que estamos a vivir. Cada día que pasa se producen verdadeiros dramas, nos que seres humanos que primeiro se viron privados do seu posto de traballo, a continuación se ven expulsados sen contemplacións da súa vivenda.

Nos últimos días estanse a producir movementos, mesmo a través das instancias europeas, contra este descarnado procedemento, aplicado polas entidades bancarias sen a menor sensibilidade.

As entidades bancarias foron actores protagonistas na xestión desta crise. Co obxectivo de manter o sistema bancario en pé, o Goberno está a inxectar substanciosas axudas públicas. Por iso, como concelleiro e responsable público, paréceme absolutamente insoportable, que estean a botar á rúa a aqueles que pasan por dificultades económicas que lle impiden atender as súas obrigas hipotecarias.

Esta Concellería de Deportes non pode permanecer allea a estas tráxicas circunstancias, que tamén se viven día a día nas rúas de Pontevedra. Como parte da Administración pública temos obriga de dar pasos adiante en favor dos cidadáns.

Como ben sabe, temos ingresados na súa entidade todos os fondos correspondentes ao Orzamento anual do Instituto Municipal de Deportes (IMD), por un importe que supera os 1,2 millóns de euros.

Gustaríame solicitarlle que La Caixa se comprometa a paralizar todos procedementos de lanzamento que estean en marcha actualmente en Pontevedra. E que, ademais, non efectúe ningún a partir desta data. En caso contrario, lamentablemente, veríamos na obriga de retirar os fondos e cancelar a nosa conta.

Durante esta mesma mañá, puxémonos en contacto co Colexio de Avogados de Pontevedra para que, a través dos seus colexiados, se faga un seguimento que permita detectar calquera incidencia.

Quedo á súa disposición para calquera aclaración.

Agustín Fernández González
Concelleiro de Deportes de Pontevedra