Antón Louro denuncia que o novo Decreto da Xunta sobre furanchos ponlle as cousas realmente difíciles ao sector

81

A Concellería de Urbanismo aprobará durante os primeiros meses do próximo ano a ordenanza municipal reguladora da actividade dos furanchos. A iniciativa é, por fin, posible toda vez que a Consellería de Presidencia ten publicado oficialmente, o pasado martes, o Decreto polo que se regula este sector para toda Galicia.
O tenente de alcalde e concelleiro do ramo, Antón Louro, celebra que se teña despexado o camiño, despois dunha espera de case un ano. Tamén parece unha boa nova que se desbotaran, finalmente, os sucesivos borradores baseados en listaxes pechadas de municipios autorizados a acoller loureiros.
Sen embargo, Antón Louro entende que o novo Decreto é moi deficiente, tanto pola súa indefinición en materia de control, como polos requisitos que impón para a apertura. As esixencias legais son practicamente equivalentes ás existentes para un bar, o que vai xerar unha importante conflitividade na aplicación práctica do Decreto e das futuras ordenanzas.
A nova norma galega comeza por definir os furanchos como locais utilizados principalmente como vivenda privada, pero nos que se venden excedentes da colleita propia. A pesar diso, obriga aos propietarios a cumprir a normativa vixente en materia de hixiene dos produtos alimenticios, en materia de protección contra incendios e a sanitaria contra o tabaquismo. Engade, finalmente, que deberán cumprir tamén “aqueloutra normativa que resulte legalmente aplicable”. Un caixón de xastre, este último, no que entra de cheo a Lei de Accesibilidade.
Todo elo obrigará, na meirande parte dos casos, á realización de obras de certa importancia, anticipa Louro, quen lamenta que a Consellería de Presidencia renunciara a elaborar a ordenanza en contacto e colaboración cos concellos onde a actividade furancheira está máis asentada.
Por outra banda, aínda que se contempla a obtención de licenza de actividade polo mecanismo da Declaración Responsable, o novo Decreto obriga a presentar, á parte da documentación persoal e os datos de actividade vinícola, póliza de  seguros, documento de pagamento das taxas, análise do viño e proxecto técnico asinado por técnico competente, “con pronunciamento expreso sobre cumprimento da normativa técnica vixente en materia de protección contra incendios, sanitaria fronte ao tabaquismo, así como aqueloutra que resulte legalmente aplicable”.
Os concellos terán un período de seis meses para comprobar a exactitude dos datos achegados polo solicitante na Declaración Responsable. En caso de inexactitude, falsidade ou omisión, ábrese a porta as sancións e, chegado o caso, á imposibilidade de continuar co exercizo da actividade.
Os furancheiros poderán abrir un período máximo de tres meses ao ano, que deberán estar encaixados entre o 1 de decembro e o 30 de xuño, con posibilidade de ampliación ata o 31 de xuño.
Finalmente, o Decreto autonómico determina o tipo de tapas que poderán ofrecerse e que son, exclusivamente: embutidos-queixos, pementos (variedade Padrón), orella-chourizo, zorza-raxo, costela, ovos fritidos, sardiñas ou xurelos á grella, callos con garavanzos ou feixóns, tortilla de patacas, empanada-empanadillas e croquetas.
Unha relación que, ademais da sorpresa que produce a súa arbitrariedade, chega con serias dúbidas sobre a posibilidade real dos concellos para vixiar e sancionar se se ofrece outro tipo de pratos. Parece unha mala broma, conclúe Louro.