A Concellería de Promoción Económica convoca a segunda edición do concurso de escaparates

37

A Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo promove a segunda edición do concurso de escaparates, que chega co nome de “Ponte en Nadal”. A iniciativa conta coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a asociación empresarial Aempe.
O certame celebrarase entre o venres, 30 deste mes de novembro e o sábado, 15 de decembro, ambos incluídos. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o día 23 ás 14 horas.
A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, explicou que o éxito do anterior concurso de primavera, “Ponte en flor”, animouna a dar o visto bo a esta segunda edición. Aludiu á necesidade de impulsar actividades que dinamicen o comercio nun momento en que está a padecer medidas tan lesivas como o incremento do IVE, a liberalización de horarios ou os efectos da supresión da paga extraordinaria aos empregados públicos.
A concelleira destacou que os escaparates son as ventás da cidade, especialmente nunha como Pontevedra, que aposta polo peón e a accesibilidade. O comercio local, engadiu, contribúe á calidade de vida e suaviza a frialdade das grandes superficies. Non obstante, subliñou, o comerciante tamén debe ser consciente de que hai que camiñar cara a máxima profesionalización, incluíndo o apartado do escaparatismo.
Román concluíu que “Ponte en Nadal” pretende, dende a súa modestia, poñer unha nota de cor nun Nadal que, en canto a ventas, presúmese gris.
As bases do certame esixen que a decoración dos escaparates inclúa motivos alegóricos ao Nadal, con liberdade de estilo.
Haberá tres premios para os comercios gañadores, dotados con 500 euros, 300 euros e 200 euros e diploma. Os clientes dos comercios participantes teñen opción a cubrir unha papeleta. De entre as que se depositen nas urnas da Casa da Luz, sortearanse 10 cheques-compra por valor de 20 euros para consumir en establecementos adheridos a Zona Monumental e Aempe.
O fallo será emitido por un xurado no que haberá representantes das institucións organizadoras, un xornalista e un escaparatista profesional.