A riqueza do patrimonio funerario da parroquia da Canicouva sae á luz

70

A Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, continúa este sábado coas actividades de divulgación do patrimonio funerario do concello cunha visita ao cemiterio e á igrexa parroquial da Canicouva, así como á Cama de Santo Estevo, un sepulcro antropomorfo excavado na rocha, de orixe medieval.

Ademais de coñecer estes bens relacionados co mundo funerario, a visita servirá para descubrir outros elementos da historia e patrimonio da parroquia, camiños históricos como de Camiño de Santiago e a Vía romana XIX, miradoiros sobre a ría de Vigo, así como lendas de transmisión oral.

A visita dará comezo ás 11 horas no cemiterio parroquial e está aberta a todas as persoas interesadas. Non é necesaria a inscrición previa.

O ciclo de visitas ao patrimonio funerario da comarca de Pontevedra continúa o sábado 24 de novembro, coa visita comentada aos enterramentos megalíticos (mámoas) de Chan da Castiñeiras e Chan da Armada, situadas nas proximidades do lago de Castiñeiras. Comezará ás 11 horas xunto ao Lago de Castiñeiras.