O alcalde visita a horta urbana de Monte Porreiro que cuidan pais, nais e avós dos centros de ensino

78

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro delegado do barrio de Monte Porreiro, Luís Bará visitan esta tarde a horta urbana de Monte Porreiro; un proxecto que se puxo en marcha no ano 2010 no marco das actividades medioambientais A cidade é túa! Enerxía verde realizadas polo departamento de Parques e Xardíns. Nesta visita, o alcalde coñecerá o funcionamento da horta e os resultados do proxecto que nesta edición tivo importantes modificacións, así como intercambiar impresións cos usuarios da horta.

A horta está situada no Parque do Miradoiro de Monte Porreiro, e conta con 21 parcelas que son atendidas e plantadas por escolares dos centros de ensino do concello, especialmente do barrio. É así, porque este proxecto xurdiu cunha finalidade pedagóxica, destinada a dar a coñecer as técnicas de agricultura ecolóxica e cultivo de produtos hortícolas. E con esta mesma filosofía continúa.

Na primavera de 2012 fíxose unha nova plantación por parte do alumnado dos centros Fina Casalderrey e Marcos da Portela de diferentes especies de horticultura: tomate, cebola, allo, cenoria, verduras, millo, pementos, plantas aromáticas… Nesta edición, ampliouse o proxecto coa implicación dos pais e nais no mantemento e atención das parcelas da horta.

Fíxose unha convocatoria aberta aos pais e nais e tamén avós/avoas para a solicitude da concesión de parcelas por un período de un ano, até que se faga unha nova plantación na primavera de 2013. Os concesionarios, ademais de atendela poden plantar segundo os seus intereses e necesidades. Os beneficios, xunto á función didáctica, o coidado da horta permítelle ás familias beneficiarias a obtención de produtos naturais para autoconsumo.

Para facililtar o traballo dos usuarios habilitouse un arcón metálico con utensilios de horta que poden compartir. Dispoñen de conexión de auga e recipientes con abono procedente de compost. A xestión e coordinación do proxecto corre por conta de Ventos Estudos Ambientais, que se encarga de asesorar aos beneficiarios.


Magosto  popular o sábado no Miradoiro

O barrio de Monte Porreiro celebrará este sábado, 17 de novembro, un magosto organizado por todas as entidades que forman parte do consello parroquial do barrio coa colaboración do Concello de Pontevedra. O Miradoiro será o lugar onde se celebrará o magosto a partir das 17.00 horas, onde se poderán degustar castañas acompañadas de viño e refrescos. Tamén se contará con música ambiental para animar a festa.

O magosto forma parte da programación festiva do barrio, na que tamén se incúe o festival de Nadal, o entroido e o San Xoán. No caso do magosto retomouse o pasado ano como unha iniciativa do Consello do barrio, do que forman parte a asociación veciñal O Mirador, as ANPAS dos centros Marcos da Portela, Fina Casalderrey e Luís Seoane, e a asociación cultural Fieitiña.

A celebración forma parte do proxecto Monte Porreiro Convida, que ten como finalidade a dinamización social e a promoción dos espazos e equipamentos do barrio. Precisamente a escolla do Miradoiro como emprazamento deste tipo de actividades pretende fomentar o uso deste espazo como lugar de reunión, convivencia e lecer tanto do barrio como para toda a cidadanía de Pontevedra.