Pontevedra acolle esta fin de semana o Torneo Nacional de Ranking de Sabre, junior individual e por equipos

38

O deporte da esgrima será protagonista esta fin de semana. O Pavillón dos Deportes acolle a primeira edición do Trofeo Rías Baixas. Unha competición que se desdobra nas xornadas de sábado, co Torneo Nacional de Ranking Sabre junior e por equipos, e do domingo, cun Torneo de Ranking Galego infantil e absoluto.
Moi preto de 200 tiradores, entre eles algúns dos máis importantes da escena española, participarán nos dous eventos. A eles hai que sumar xuíces, adestradores e acompañantes, polo que a dobre competición deixará tamén repercusión socioeconómica na cidade.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe a cita acompañado do director técnico do Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra, Adrián Cubela.
Agustín Fernández dixo estar moi orgulloso da calidade organizativa que está a alcanzar o club pontevedrés, así como dos éxitos que está recollendo nas súas categorías de base. A esgrima é unha disciplina “in crescendo” en Pontevedra. O club conta xa con 70 licenzas e aspira a chegar pronto ao centenar.
Ao tempo indicou que este torneo nacional de ranking pode dar pé para organizar probas de maior complexidade e mesmo abrir as portas á organización dun Campionato de España.
Adrián Cubela explicou o Torneo Nacional de Ranking Sabre junior e por equipos arrancará este sábado ás 10 horas. Participarán uns 150 tiradores en idade junior procedentes de toda España. Moitos deles están na elite nacional e forman parte da Selección Española absoluta. Pola tarde celébrase a competición por equipos.
Dáse a circunstancia de que o torneo será clasificatorio para o Campionato de España e as puntuacións que se obteñan servirán para determinar os 28 clasificados masculinos e femininos.
Ao día seguinte, domingo, día 18, aprovéitase toda a infraestrutura para celebrar un Torneo de ranking galego de sabre nas modalidades infantil e absoluta. A competición, só individual, reunirá aos 40 mellores tiradores galegos. Concluirá sobre as 16 horas.