Os alumnos do colexio Froébel achegáronse á historia do papel e os soportes da escritura

57

Achegarse á historia da escritura e os seus soportes, coñecer técnicas básicas de impresión e encuadernación e difundir os conceptos de redución, reutilización e reciclaxe foron os obxectivos do obradoiro “O uso das plantas: soportes da escritura” que a Concellería de Educación puxo en marcha no colexio Froébel ao longo deste mes de novembro.
O concelleiro Agustín Fernández acudiu hoxe ao centro para clausurar o programa, no que participaron un total de 230 alumnos.
Estivo dividido en dúas liñas. A primeira, destinada aos alumnos de Segundo e Terceiro, cuns contidos máis elementais. A segunda, xa para alumnos de Cuarto e Sexto cursos, ampliou coñecementos.
Os rapaces comezaron cunha introdución sobre o nacemento do papel e unha mostra divulgativa sobre as primeiras expresións gráficas, pasando polas pinturas rupestres, as follas de papiro, as táboas de cera de romanos e gregos, as plumas de cana e de ave, o pergameo, os materiais para a elaboración da tinta e o lacre e, finalmente, o papel de trapo, empregado no século XIX. Todo elo para conducir aos modernos soportes informáticos e os programas de edición.
Os rapaces do segundo ciclo participaron tamén nun obradoiro de elaboración de papel reciclado artesanal. Partindo de material usado elaboraron folios que decoraron con elementos vexetais. Parte destas follas serán empregadas polo colexio na presentación das súas memorias e actividades dentro do programa de intercambio do profesorado “Comenius”.
A continuación elaboraron xoias de papel (colares e pulseiras) utilizando papel “couché” de revistas vellas.
O obradoiro de encadernación ecolóxica utilizou como materia prima cartóns de envases e bricks, retais, trapos vellos e papel reciclado comercial. Cada alumno confeccionou a súa propia axenda ou caderno. A actividade deu paso ao gravado, utilizando a técnica dunha agulla quente sobre unha bandexa de porespán. Finalmente, celebrouse o obradoiro de estampado con tinta, empregando tampóns gravados sobre porespán e outros realizados mediante composición de gomas de papelaría sobre anacos de madeira.