Pontevedra acolle aos principais “gurús” do crecemento persoal coa celebración do congreso “Ponte a Punto”
65
Pontevedra acolle o primeiro Congreso Acelerador do Crecemento Persoal “Ponte a punto”, que se estáa celebrar no Pazo da Cultura entre as xornadas de hoxe, venres, e mañá, sábado. O congreso chega coa aura da presencia de destacados expertos en motivación, que falarán polo miúdo da necesidade dun cambio de mentalidade na busca do trunfo persoal e profesional. Un reto especialmente interesante nestes tempos de crise.
A concelleira Carlota Román inaugurou o evento nunha intervención na que animou a un cambio de mentalidade para afrontar os enormes retos do presente e do futuro. A última hora da mañá recibiu ao principal ponente do congreso, Emilio Duró, e mantivo un encontro con todo o cadro docente.
O pontevedrés José Luís Bouzas, xerente de Docensa Qualitas, S.L., un dos organizadores do evento, obtivo o apoio da nova Oficina de Congresos de Pontevedra, para celebralo na súa cidade.
O programa de “Ponte a punto” chegou con novidades. A relatora sorpresa foi a xornalista e escritora María Graciani, que acabar de publicar “Motivulario”, un libro sobre a linguaxe da motivación, que anima a buscar e cumprir os teus obxectivos independentemente das circunstancias persoais en cada momento.
A ela súmanse os protagonistas xa anunciados, encabezados por Emilio Duró, cuxo relatorio abordará o reto de xerar unha mentalidade positiva e achegar novas ideas para xestionar os cambios que se aveciñan. De feito, o propio Duró afirma que é interesante apuntar que nos últimos anos comprobouse que entre o 80 e o 90 % do éxito profesional depende da actitude que se adopta fronte á vida.
Outro dos grandes atractivos do congreso é a presenza de Eduardo Sánchez, representante e formador oficial de “Thesecret.es” para España e América Latina. “O segredo” é un best-seller publicado en 2006, escrito por Rhonda Byrne e baseado na escola de pensamento e traballos previos de William Walker Atkinson. Unha obra da que tamén existe unha versión cinematográfica. O libro alcanzou o seu momento de máis vendas tras aparecer no show americano da afamada presentadora Oprah Winfrey. Detrás do éxito desta corrente parece estar a súa mensaxe sinxela, baseada na idea de que enfocar o noso cerebro cara a cousas positivas pode modificar os resultados, incluíndo melloras na saúde, riqueza e felicidade.
O congreso conta con preto de 200 inscritos e está confirmada a presenza de profesionais non só de toda Galicia, senón ata das Illas Baleares, Madrid ou Asturias, o que fará de Pontevedra a capital do crecemento persoal durante estes dous días.